A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

É feira ou é Meira?

Técnica de turismo de Meira
Antigos cobertizos con postos de roupa na feira de Parga. C.PÉREZ
photo_camera Antigos cobertizos con postos de roupa na feira de Parga. C.PÉREZ

A feira quincenal de Meira celébrase os domingos alternos. É unha das poucas tradicionais que queda nos arredores, remontándose os seus inicios aos mercados celebrados polos monxes do convento nesta localidade. A primeira foi o 3 de xuño de 1258, organizada para festexar este día por ser o da consagración da igrexa e do mosteiro meiregos por parte do bispo Martín de Lugo. Posteriormente, o 22 de xuño de 1707, obtívose a confirmación do privilexio de feira concedido a este mosteiro por parte do rei Filipe III.

As antigas ‘ventas’ foron substituídas por postos ambulantes e o gando foi retirado por motivos de saúde pública, e tamén polos cambios nas tendencias de compravenda de animais para as grandes cabanas gandeiras. Aínda así, mantéñense os postos do polbo, que se pode degustar in situ no cabanón grande (onde antes estaba a feira do gando). Tamén se mantén a gran concorrencia de poboación local e dos arredores e incluso de Asturias, dándose cita nas tres prazas de Meira, onde se pode atopar unha ampla oferta de produtos.

Esta celebración marca a vida social en Meira, posto que multitude de actividades xiran en función deste mercado. A celebración do Corpus Christi e das primeiras comuñóns (hai anos era día de festa e verbena), que son en domingo sen feira; a concentración para facer a ruta Miño-Eo a principios de maio, tamén en domingo sen feira; a afamada Festa da Malla, celebrada o domingo sen feira despois das festas patronais de agosto, etc. Tamén inflúe na axenda da rodeada, xa que os domingos que non hai feira na vila meirega haina en tres concellos da contorna: Castro de Rei, Castroverde e A Pontenova, onde a pregunta recorrente dos domingos é: «É feira ou é Meira?»

Outras vilas optan por establecer un día (ou varios) do mes ou da semana, como é o caso de Castro Ribeiras de Lea, onde se fai todos os mércores; da Pastoriza, onde é o primeiro sábado do mes; de Bretoña, o segundo; e de Reigosa, o último. En Mosteiro é o primeiro  venres do mes e en Muimenta, o primeiro xoves. No Cádavo é o 12 de cada mes.

Esta periodicidade esténdese por toda a xeografía galega, onde o complicado é encontrar un día non que non haxa feira nalgures, pois as feiras forman parte do que nos define como galegos.

Comentarios