Sábado. 17.11.2018 |
El tiempo
Sábado. 17.11.2018
El tiempo

Unha ducia de voluntarios crean a decoración do San Xoán de Vilalba

Taller floral en Vilalba. C.PÉREZ
Taller floral en Vilalba. C.PÉREZ

A asociación cultural Campo de San Xoán organizou un taller floral gratuíto para elaborar adornos para a praza e os asistentes as celebracións do día 23

"Creamos a decoración para a praza, porque no canto de banderolas poñeremos flores", explican dende a asociación cultural de veciños Campo de San Xoán, que a comezos de maio iniciaban un obradoiro gratuíto, aberto a calquera que quixera sumarse, para que os veciños poidesen decorar as súas casas e a si mesmos de cara á festa de San Xoán.

Ao redor dunha ducia de persoas asistiron todos os sábados pola tarde a esta actividade, na que se creou a ornamentación para o escenario no que terán lugar os actos deste sábado, día 23, xornada na que a cabina da Praza de San Xoán tamén se transformará nun florido torreón dos Andrade.

"O noso obxectivo é que esta sexa a festa das flores e que teña continuidade como tal no tempo, queremos recuperar a tradición de espantar as meigas e animamos á xente a que decore as súas casas e a si mesmos", inciden dende a asociación, lembrando ademais que hai tempo en Vilalba xa se celebraba o chamado Baile de Flor.

Dende a asociación Campo de San Xoán animan aos veciños a decorar con flores as súas casas e a si mesmos

Os adornos ideados no obradoiro, entre os que figura a coroa que levará a pregoeira do San Xoán, a mestra e escritora María Xosé Lamas, complementaranse coa tradicional decoración con flor natural, que terá como principal protagonista a fonte da praza.

"Así, o que queira terá onde cumprir na mañanciña de San Xoán coa tradición de lavarse en auga de flores", apuntan dende a asociación veciñal, que conta coa colaboración do Concello de Vilalba e a Escola Municipal de Teatro, así como de varios negocios da zona, para desenvolver un amplo programa de actos.

A Praza de San Xoán acollerá o pregón ás 14.00 horas, unha sesión vermú con Manoli Silva e, pola tarde, espectáculos de globoflexia e de marionetas Trécola. Ás 22.00 horas tocará Andrés Penabad, antes do tradicional acendido do Lume Novo. Na Praza de Santa María será a sardiñada a partir das 21.00 horas e á medianoite farase a Espantada das Meigas, haberá queimada e tocará Sintonía de Sanvocade.

Unha ducia de voluntarios crean a decoración do San Xoán de Vilalba
Comentarios