Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Unha ducia de colectivos únense para homenaxear ao meirego Xose Salgado 

Asistentes á primeira reunión celebrada na casa da cultura de Meira. TEÓFILO LÓPEZ
Asistentes á primeira reunión celebrada na casa da cultura de Meira. TEÓFILO LÓPEZ

Nunha xuntanza celebrada na casa da cultura decidiuse organizar actos o 30 e o 31 de decembro

Máis dunha ducia de entidades, xunto con numerosas persoas a título persoal, acordaron tributarlle unha homenaxe póstuma, de xeito conxunto, ao meirego Xose Salgado Agrelo, popularmente coñecido como Xose da Flor.

Unhas 30 persoas asistiron este domingo no centro sociocultural de Meira ao primeiro encontro convocado con este fin, no que tamén estiveron presentes o pai e o irmán de Xose da Flor e no que se acordou impulsar diversas actividades, que se concentrarían principalmente nos días 30 e 31 decembro. 

A asociación cultural Eme de Meira, da que el era presidente, A Chaínza, a Liga Nacional de Billarda, Carabullo, Meira CF, UD Pastoricense, Gaitafilmes, varias entidades do BNG, Microefectos Dramatúrxicos, Trailará, Ollomao, Xermolos ou Palimoco Teatro son os colectivos inicialmente interesados en impulsar diversos actos, a cuxa organización pode sumarse calquera persoa interesada en lembrar a Xose da Flor. 

Entre as propostas figuran un partido de fútbol amistoso entre o Meira e o Pastoricense, equipos nos que militou Xose; un aberto de billarda, xogo que el tamén practicaba; unha adaptación teatral dalgún dos seus textos a cargo de Microefectos, ou unha exposición de textos e fotos. 

A produtora Gaitafilmes tamén propón organizar un concurso de curtametraxes que faga referencia a Xose da Flor —xa tiñan previsto facer nesas datas unha actividade cinematográfica— e Xermolos está aberto a propostas para recordalo, como darlle o seu nome a algunha das actividades do Festival de Pardiñas. 

Un certame de cantos de taberna, que o propio Xose quería impulsar xunto con Trailará, unha comida de confraternidade no pavillón municipal de Meira, ou unha actuación con contacontos ou monologuistas na que se recorde a Xose son outras das opcións que se están a barallar para lembrar a este querido veciño de Meira, que finaba o pasado 15 de novembro aos 31 anos de idade. 

FILLO PREDILECTO. Os promotores da homenaxe tamén teñen pensado dirixirse ao Concello de Meira para solicitarlle que a biblioteca municipal pase a chamarse Xose da Flor e que el sexa declarado Fillo Predilecto do municipio. Ademais, solicitarase permiso para colocar unha placa ou un monolito no seu recordo nalgún punto significativo da vila.

Unha ducia de colectivos únense para homenaxear ao meirego Xose...
Comentarios