As dúas vidas do Campo do Carril

ENTROIDO DE VAL DE FRANCOS ▶ Hai tres décadas, tres amigos de tres parroquias de Castro de Rei xuntáronse para celebrar o Carnaval, xunguindo tradición e novidades para recuperar unha cita moi arraigada na zona, cuxas orixes se perden no tempo aínda que xa está documentada a comezos do século XX. Levaba máis de 20 anos sen organizarse.
Primeira celebración do recuperado entroido en Val de Francos en 1992. ENTROIDO VAL DE FRANCOS
photo_camera Primeira celebración do recuperado entroido en Val de Francos en 1992. ENTROIDO VAL DE FRANCOS

O CAMPO DO CARRIL de Ansemar é onde os veciños da parroquia celebraran o Entroido dende tempos inmemoriais. Non se sabe cando comezou, pero si que diso hai máis dun século, pois gárdase un sermón de 1902. Si se sabe cando deixou de facerse: 1969. Ata hai 30 anos. Daquela tres veciños da zona, Juan José Pita Iravedra (Ansemar), Juan Carlos Rodríguez Folgueira (Balmonte) e José Luis García Cupeiro (Goberno), apostaron por recuperalo, uníndose tres das catro parroquias –Viladonga non entrou– que conforman o Val de Francos. E así volveu a festa do Entroido ao Campo do Carril.

"Hai un poema que reflicte moi ben esa unión: Xa que tres pobos se uniron/con unha grande ilusión/nunha tarde de armonía/fan esta celebración/Balmonte, Goberno e Ansemar/xuntas o Antroido van festexar/i é tan fermosa esta unión/que mesmo agranda o corazón", lembra o etnógrafo Xosé Manuel Blanco, quen hai anos asinaba, coa vilalbesa Carme Pernas, un artigo sobre este Entroido, tema que recuperou para outro escrito que vén de publicarse na revista Croa, editada polo Museo do Castro de Viladonga.

Festa en 1993. ENTROIDO VAL DE FRANCOS
Festa en 1993. ENTROIDO VAL DE FRANCOS

Blanco, que xunto ao alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, inaugurará o día 1 de marzo no Campo do Carril a mostra fotográfica conmemorativa do trixésimo aniversario, dá conta de que nos antigos festexos "había a famosa corrida do galo, que tamén era propia doutros lugares da Terra Chá e de Galicia".

Esta práctica, que consistía en que os cabaleiros tiñan que degolar un galo pendurado cabeza abaixo dunha corda, erradicouse na recuperación, na que si se mantiveron outros costumes, como a animación musical. Se antes viñan gaiteiros coma Pepichín de Bendia ou a orquestra de Bazar, que cobraran 20 e 50 pesos (unhas 100 e 250 pesetas), respectivamente, agora as gaitas son as dos Valuros e non faltan solistas, dúos e orquestras, se ben, como din dende a organización, o covid complicou a súa contratación.

Tamén perviven os fareleiros. "Son uns personaxes que van de branco e que son coma a garda civil do Entroido, levan uns sacos cheos de fariña ou algo similar, van abrindo paso no desfile e, se alguén non se comporta, danlle", precisa Ana Canto, integrante da comisión organizadora deste 2022, na que tamén están José Luis García Cupeiro, Remedios Anido, Verónica Abuín, Fran Fórneas, Ramiro Rego, Marisa Cupeiro, Juan Pita e Mari Carmen Gómez.

O Galán e a Madama, no antigo Entroido de Ansemar. ENTROIDO VAL DE FRANCOS
O Galán e a Madama, no antigo Entroido de Ansemar. ENTROIDO VAL DE FRANCOS

Nesta edición tan especial, que supón a volta da cita tras non poder facela en 2021 pola pandemia, haberá tamén unha importante novidade, a recuperación doutras dúas figuras do Entroido clásico: a Madama e o Galán. "Son unha muller e un home que van vestidos moi elegantemente, paseando de ganchete", detalla Ana sobre esta parella que, segundo recolle un artigo dedicado a este Carnaval chairego no libro Mascaradas de la Península Ibérica, vestíase con roupas enviadas polos residentes en Madrid para facer trapos ou mantas, pero que a xente aproveitaba no Entroido "ya que eran una muestra de ostentación y riqueza".

O que sempre houbo foi o sermón, no que se repasa satiricamente a actualidade local e xeral, tanto asuntos de calado coma anécdotas. Todo vale. E seguro que deu algún bo sermón que no Campo do Carril houbese máscaras durante a ditadura, malia a estar prohibidas. Pero é que o pedáneo convidada os gardas a comer e mentres, facíase o Entroido.

Foron sermoneiros célebres Laxe de Loentia, Elías da Concha (Ansemar), Salvador de Aguiar (Goberno), Hipólito Eleuto (Ansemar), Serafín de Tito (Quintela) ou Edelmiro García, escribinte oficial ata o seu pasamento en 2017. O seu fillo José Luis recolleu o testemuño. E outra figura clave na recuperación foi a doutro grande ausente, o crego Xosé Manuel Carballo, que teatralizaba o xuízo ao meco. Na Terra Chá, Val de Francos é "o único sitio no que se celebra esta festividade seguindo os parámetros antigos", di Blanco. E é que a esencia pervive, aínda que as propostas varíen. Tense feito a Festa do Torresmo o sábado e nos 90 había un desfile polas aldeas, retomado en 2020 e que este ano será o domingo á tarde.

Comisión organizadora do ano 2022. ENTROIDO VAL DE FRANCOS
Comisión organizadora do ano 2022. ENTROIDO VAL DE FRANCOS

Lido o sermón polos predicadores e rematado o xuízo, a sentenza só pode ser unha: a queima. Neste Entroido, o coronavirus arderá en Val de Francos.

Horario do día 1
16.00 h. Actuación do grupo tradicional Os Valuros.
16.30 h. Inauguración da exposición fotográfica dos 30 anos de Entroido, chegada do Entroido ao Campo da Carril, lectura do sermón e queima.
17.45 h. Actuación do dúo Estrellas de Vilalba e sorteo de produtos típicos do Entroido.
19.00 h. Actuación da recanteira Marta Pacín e fin de festa co dúo Estrellas e coa orquestra Finisterre.

Comentarios