Dúas reses chairegas logran premios nun certame internacional en Italia

Unha vaca de A Lagoa Serabel foi terceira e unha xata de Rei de Miñotelo quedou segunda
undefined
photo_camera Alberto Iglesia, con Haxl Amara. EP

As ganderías chairegas seguen colectando éxitos alá por onde van e dúas delas, A Lagoa Serabel SC de Xermade e a SAT Rey de Miñotelo da Pastoriza, acaban de gañar dous galardóns no prestixioso Cremona International Livestock Show 2023, celebrado nos últimos días na rexión italiana de Lombardía.

As dúas explotacións acudiron a esta cita gandeira, considerada agora mesmo a máis importante de Europa, formando parte dun pequeno grupo de españois no que tamén había outra gandería galega, Carro, da Coruña.

undefined
Abel Carballo (primeiro pola dereita) co equipo español nomeado Mellor Rabaño Holstein. EP

A representación nacional -acudiron doce ganderías con 22 animais- obtivo uns magníficos resultados, xa que España acadou o galardón de Mellor Rabaño Holstein, grazas ao equipo formado por Llinde Ariel Jornda, da Sat Ceceño de Cantabria -que se proclamou vaca campioa suprema por segundo ano-, unha res de Ponderosa Holsteins, de Cataluña, e Kergo Ozalid, de A Lagoa Serabel, que foi ademais a terceira clasificada na súa sección, vacas de cinco anos.

"Estamos moi contentos, non contabamos que saíse tan ben o resultado, porque era a primeira vez que participabamos e é un concurso a nivel de Europa, con animais de moitos países e con moita calidade. É un concurso moi grande, con seccións moi numerosas, o que fai máis difícil estar aí arriba", reflexionou Abel Carballo, da gandería xermadesa.

Ademais do gran posto do exemplar xermadés, a xata Rey 1217 Haxl Amara, da SAT Rey de Miñotelo, da parroquia pastoricense de Aguarda, obtivo un meritorio segundo posto na sección de dez a doce meses, referendando así o título nacional que acadou hai uns meses no campionato de España. "É unha experiencia moi boa, porque ves onde están os teus animais a nivel de toda Europa, polo que estamos moi contentos con este premio", explica Alberto Iglesia, responsable dunha gandería que xa obtivo no certame de Cremona outro premio o ano pasado, na categoría de oito a dez meses.

Este gandeiro chairego, ademais, valorou que, dos catro exemplares que levaron a este concurso, "todos estiveron entre os sete primeiros, sendo categorías de moitísimo nivel, duns 30 animais".

Comentarios