Dúas décadas de doces traballos

Dispravia naceu para recuperar receitas tradicionais como o roscón de Vilalba e cumpre 20 anos tras duplicar instalacións e multiplicar produción, coa tarta de améndoa como bandeira
As orellas de Entroido foron a última incorporación. AEP
photo_camera As orellas de Entroido foron a última incorporación. AEP
Levan dúas décadas producindo doces sabores e non deixan de medrar. A empresa Dispravia, asentada no polígono empresarial Sete Pontes de Vilalba, cumpre 20 anos tras duplicar nestas dúas décadas as súas instalacións e multiplicar a súa produción.

"Non viña de familia de panadeiros nin pasteleiros, viña dunha distribuidora de produtos de alimentación, sobre todo lácteos e cárnicos, que fundei con 21 anos, e falando con clientes xurdiu a idea de recuperar receitas tradicionais e empezar comercializando o roscón de Vilalba", explica Tino Graña, o responsable dunha empresa que tomou o seu nome das raíces locais nun xogo de engadir letras á árbore con máis sona de Vilalba.

As instalacións comezaron a construírse en 1999 -daquela uns mil metros cadrados que superan hoxe os 2.000- e un ano máis tarde iniciouse a produción con tres traballadores -actualmente son doce na plantilla estable, que nas épocas altas alcanzan os 20-.

"Non me acordo exactamente pero faríanse 100 unidades diarias de roscón de Vilalba cando empezamos", di Tino, que recoñece que o produto que os fixo nacer non é hoxe o máis demandado. "O roscón quizais é o que menos facemos agora, sairán ao redor dunhas 300 unidades ao mes. É un produto que só se vende no mercado local, fóra é máis difícil", indica un empresario que pronto se deu conta de que había que ampliar os sabores doces para poder medrar a través do padal dos clientes.

"Cun produto só non se mantiña a empresa", di. E así empezou un catálogo ao que se incorporou a tarta de améndoa -hoxe a súa bandeira, cunha produción de 35.000 unidades ao mes-, a rosca de azucre, os melindres, os biscoitos e os últimos en chegar, o panettone -o ano pasado alcanzaron as 200.000 unidades despois de catro anos medrando a un ritmo rápido- e as orellas de Entroido, que son "un éxito".

"Houbo épocas difíciles pero como sempre enfocamos a venda de produtos ás cadeas de alimentación foi relativamente fácil, porque unha vez que tes un oco, facendo esforzos, vas conseguindo crecemento", di Tino, que indica que todos os seus produtos se venden coa marca Coroa de Andrade.

"O máis complicado foi a crise do coronavirus. As vendas baixaron á metade porque a xente ía a compra coa lista feita e para acabar pronto e os nosos produtos non son imprescindibles, son de venda de impulso", indica Tino, que xa mira con optimismo ao futuro. "Estamos empezando a cambiar a tendencia", di. Aínda que a empresa nunca parou no estado de alarma, si tivo que plantexar un Erte para parte dos traballadores.

"Xa están todos incorporados e incluso contratamos un máis. Estamos pechando compromisos e a campaña pinta ben", di un empresario que pensa en novos proxectos. "Ideas sempre hai, o mercado demanda cousas novas e na medida en que poidamos incorporaremos produtos, sempre coidando a materia prima", di.

1,5 millóns de facturación
Dispravia non chegou aos 300.000 euros en facturación o primeiro ano, unha cifra que alcanzou o ano pasado os 1,5 milóns de euros. "Non é moi grande, pero para estes produtos nosos tes que facer un volume moi alto de vendas para conseguilo", defende o empreario, que asegura que unha das claves é "ser moi sensible cos mercados".

Comentarios