Dúas décadas do Instituto de Estudos Chairegos, o faro cultural da comarca

A organización, que ronda os 400 socios, celebra neste 2020 o seu vixésimo aniversario con ao redor dunha trintena de actos cada ano 
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Excursión a Santiago para ver ‘Alba de Gloria’ de Castelao, nunha das edicións da Ruta Cultural

"O Iescha nace da sensibilidade da xente que en anos anteriores fora a que constituíra a agrupación cultural Lois Peña Novo", explica a actual presidenta, Marisa Barreiro, sobre unha entidade que se constituía oficialmente ás portas do cambio de milenio, en decembro do ano 2000.

Os obxectivos fundacionais, que se manteñen vixentes a día de hoxe, non eran outros que o respecto polas tradicións e o conxugar "a investigación científica co estudo, conservación, difusión e posta en valor da nosa lingua e da cultura galega", detalla Marisa.

2020042012242350600Socia dende os inicios, leva sete anos na directiva, os últimos tres á fronte dun equipo no que a acompañan Sabela Figueira, Arturo Gómez Mato, Chema Felpeto, Tino Alvite, Manuel Castro Santamariña, Pili Gómez, Carme Pernas, Sesé Roca, Carlos Gómez Osa, Jesús Trastoy e Manolo Roca. Este último foi o presidente da xunta xestora, sucedido logo por Felpeto, o sempre lembrado Xosé Luis Novo Cazón e Santamariña.

Dende a súa creación, o Instituto de Estudos Chairegos converteuse nun auténtico motor cultural e social da capital chairega, epicentro da súa actividade, coa organización dunha media de dous ou tres actos mensuais, ao redor dunha trintena ao ano.

E non hai pau que o Iescha non tocase, xa fose como impulsor directo ou como colaborador necesario. O seu labor, avalado polo Concello -conta cun local cedido na casa da cultura- e a Deputación, entre outros apoios, abrangue un amplo abano de propostas que se foron prolongando no tempo ata converterse en auténticos clásicos, sumados a novas iniciativas que tamén queren selo.

2020042012242287900Entre as chegadas para quedar destacan o Premio Agustín Fernández Paz, un referente con só tres edicións, e as xornadas en colaboración co Consello da Cultura Galega, dedicadas o primeiro ano a Lois Peña Novo e o segundo á muller na arte. Polo camiño houbo tempo para propostas coma o Certame de Pintura Rápida e aí seguen, dende sempre, as mostras de fotos antigas Tal como Eramos -cedidas polos veciños e que tamén ilustran o calendario da entidade- ou a publicación bienal, alternándose nos anos, do Boletín Pena do Encanto e do Caderno de Estudos Chairegos.

E entre a organización de ciclos de teatro, exposicións artísticas, xornadas de xogos populares, concertos, conferencias, presentacións ou o que se terce, sempre quedou e queda un oco para ir creando unha ampla colección de case 30 libros, catro facsímiles e unha vintena de diversas publicacións.

O coñecemento do contorno é o propósito dos roteiros. Hai tres no ano: Coñece a Terra Chá, que tamén cumpre dúas décadas; Por Galicia Adiante, que vai pola undécima edición, e a última en chegar, a Ruta Cultural, que se estreaba en 2014 cunha visita a Compostela.

2020042012242292500Ás orixes do Iescha tamén se remonta a creación do grupo de música tradicional Buxos Verdes, banda sonora de múltiples celebracións do Iescha, de Vilalba e de calquera outro evento onde teñan a ben contar con eles. Hoxe estase a constituír como entidade independente.

Voará só, pero sen esquecer o seu berce. E estará presente na conmemoración deste vixésimo aniversario, nuns actos que aínda se están a perfilar, pero nos que seguro que non faltará "a fonda gratitude" a todas as persoas que "estiveron e están aí".

E tocará facer repaso. Acadáronse os obxectivos? Marisa teno claro: "En todo este tempo hai moitísimo traballo, e a min paréceme que un dos grandes logros é que, 20 anos despois da fundación, unha xornalista me chame para preguntar polo Iescha, porque iso quere dicir que estamos vivos, que seguimos sendo de interese".

Certo é, pero a mellor proba non son estas liñas, senón cada proposta que atrae o interese do público e eses case 400 socios que sustentan un "traballo importante, digno, leal e moi honesto cos obxectivos do Iescha".

En imaxes, de arriba abaixo
Buxos Verdes. En 2001 nacía o grupo de música tradicional Buxos Verdes, que hoxe suma máis de 20 integrantes e, ademais das clases de gaita e percusión, acaba de recuperar as de baile galego.
Tal como Eramos. A mostra bienal de fotografías antigas Tal como Eramos leva cinco edicións en Guitiriz e nove en Vilalba amosando escolmas das máis de 16.000 imaxes cedidas ao Iescha nestes 20 anos.
Premio Agustín Fernández Paz. María Reimóndez, Rosa Aneiros e Antía Yáñez son as tres gañadoras do Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, creado polo Iescha, o Concello e Xerais

Comentarios