Dous rapaces ponteses debutan no mundo editorial cun libro de poesía ilustrada

Carmela Franco e Miguel Ledo, nas Pontes. C.A.

Carmela Franco, de 18 anos, ocupouse dos versos e Miguel Ledo, de 19, dos debuxos

Carmela Franco e Miguel Ledo, ambos das Pontes, acaban de estrearse no mundo editorial cun libro de poesía ilustrada cando apenas rozan a maioría de idade. "É a maior felicidade ter o proxecto nas nosas mans. Impresiona tocalo", confirmaban onte, poucos días despois de que a editorial Toxosoutos sacara á rúa 'Alá onde nos leve o vento', unha obra, din os editores, que "desprende unha terrible verdade: a nostalxia da existencia, a xeito de remorsos, lembranzas ou emocións arrebatadas, cun texto e unhas ilustracións evocadoras".

"É un libro moi bonito, feito con moito cariño", din os autores, compañeiros de clase e amigos "de sempre», que aseguran que o libro e «dous anos de traballo" fixeron que se coñecesen aínda máis.

Un exprofesor, Iago Rodríguez, motivounos para iniciar este traballo, que acaba d epublicar a editorial Toxosoutos

"O fío condutor é Iago Rodríguez, foi o noso mestre a partir de 3º da Eso en Monte Caxado. Xuntábanos para facer traballos e mandaba poemas e debuxos nosos en segredo a premios. Grazas a el gañamos en Pardiñas e foi o que nos propuxo a idea do libro", relatan dous mozos con vocación artística -ela, que xa ten un premio Minerva por un poemario, estuda Filoloxía Galega e soña con traballar nunha editorial; el, que cambiou de Arquitectura a Belas Artes, quere crear-.

"Hai varias temáticas, poemas sociais e de amor sobre todo, e cremos que vale para tódolos públicos", din dous rapaces cheos de ideas e de proxectos, que deseñaron un método de traballo: ela escribía un poema nunha libreta e el mergullábase nel e na cabeza dela para crear a ilustración perfecta, xa fose con lapis de cor, en branco e negro ou a ordenador. Tamén é o autor do máxico retrato -unha rapaza cun bosque na melena- que presenta a portada.

"Cada poema ten un debuxo que encaixa", din, mentres moven as follas e mostran un libro de detalles coidados, cun símbolo celta e varios pequenos versos de presentación e de "agradecemento pola súa inspiración" antes cada poema, con Manuel María, Lois Pereiro ou poetas locais como voces recorrentes. "A min deixoume poñer un a unha canción de Oasis", di cun sorriso o creador das imaxes, que bebe de Picasso, Velázquez e, sobre todo, da "subxectividade" de Magritte e das "vangardas".

"Sorprendeunos á acollida do pobo, en poucos días o libro saltou e estendeuse moitísimo. Esperemos que vaia ben pero o tema vendas para nós pasa a un segundo plano. O que nos importa é que a xente desfrute o libro como o desfrutamos nós", conclúen, mentres aseguran que xa están «en proceso» de máis colaboracións.

"Levámonos moi ben e queremos seguir traballando xuntos, superar límites", din sen pechar portas, sabedores de que hai "unha evolución constante". "Vese no propio libro, dende os primeiros poemas e debuxos aos últimos", aseguran.