O documental de Arraianos sobre Prisciliano e Ramón Chao preestrearase en París

O Instituto Cervantes, ao que o vilalbés lle cedeu a súa biblioteca, acollerá o 23 de maio un acto de homenaxe, coa familia e as amizades

O documental O camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano, da produtora galega Arraianos, xa ten data oficial para a súa preestrea. Será o 23 de maio en París, onde o xornalista e escritor vilalbés residiu máis de medio século, no Instituto Cervantes, ao que o homenaxeado lle cedeu a súa biblioteca persoal.

Retrato do cartel do documental. MIQUEL BARCELÓ

"Vai ser o retorno de Ramón Chao a París, coincidindo co quinto cabodano do seu pasamento —faleceu o 20 de maio de 2018— e virán os fillos —Antoine Chao intervirá e espérase que Manu Chao tamén participe—, os netos, os bisnetos...", avanza Aser Álvarez, director dunha peza audiovisual xurdida da amizade que o unía a Ramón. Con ela salda ademais a débeda pendente de facer algo relacionado con Prisciliano, unha querenza que ambos compartían, xa que mesmo falaran de recrear a viaxe do bispo de París a Fisterra.

Esa é precisamente unha da pezas dun documental que non sería posible sen a total colaboración da familia de Ramón, implicada en todas as fases do proxecto e que mesmo achegou a imaxe que serve para anunciar a preestrea. Trátase dun retrato de Ramón Chao feito polo seu amigo e recoñecido pintor balear Miquel Barceló, en técnica mixta sobre veludo.

"Antoine acordouse de que existía este retrato e pareceunos tan significativo que decidimos incluílo no documental, a cuxa preestrea queremos convidar a Barceló, a ver se se anima", di Aser, que avanza tamén que esperan contar coa presenza de autoridades parisinas, de Amigos de Prisciliano —tamén colaboraron co proxecto— e das moitas amizades que fraguou Ramón en París.

Entre elas atópanse o cociñeiro Alberto Herraiz, autor da tarta priscilianista de castañas que quizais se poida degustar no acto; ou Rocío Álvarez, do Instituto Cervantes, encargada de coordinar e recepcionar a biblioteca que Ramón Chao doou en vida á institución. "Quérenlle moito, e ademais ía moito por alí, consultar os seus propios libros para escribir artigos", lembra Aser Álvarez.

Esta homenaxe a Ramón Chao, que servirá tanto para honrar a súa vida e o seu legado, como para darlle visibilidade á figura Prisciliano, complementarase cunha exposición de distintos obxectos e pertenzas do escritor nado en Vilalba en 1935.

O documental, que percorre os camiños de Ramón e de Prisciliano en diversos vehículos, con paradas en París, Vilalba ou Santiago, conta con versións en galego e en castelán e subtitúlase en francés para a preestrea. A partir desta, a idea de Arraianos Producións é dalo a coñecer en distintos festivais.