A aula Cemit de Guitiriz pon en marcha a iniciativa 'Cartas de Aquí e de Acolá'

Os seus usuarios intercambian correspondencia co centro cultural de Pontesampaio
Generated by  IJG JPEG Library

O xénero epistolar viviu momentos de ben máis auxe que o actual, onde a inmediatez das novas tecnoloxías relegou a correspondencia tradicional a un segundo plano. O banco, a compañía de teléfonos, promocións e algunha que outra factura marcan o día a día do correo, polo que atoparse cunha dirección manuscrita, cunha carta persoal, sempre é unha boa nova. E se ademais esa misiva coma as de toda a vida serve para practicar co ordenador, integrando o uso desas novas tecnoloxías, que máis se pode pedir?

Generated by  IJG JPEG LibraryEse é o espírito que goberna Cartas de Aquí e de Acolá, unha iniciativa posta en marcha o pasado mes de febreiro entre a aula Cemit e a biblioteca pública municipal Casa Habanera de Guitiriz e o centro cultural de Pontesampaio (Pontevedra) e a asociación de mulleres veciñas O Castelo desta localidade.

"Desempeñei alí o meu labor de dinamizadora das TIC en 2008 e 2009 e daquela naceu o proxecto Memoria de muller no que participaron as mulleres da asociación", lembra Ana Pérez, responsable da aula informática e da biblioteca guitiricenses, en alusión ao xermolo da actual proposta que está concibida coma "unha maneira de seguir mantendo o contacto, grazas tamén á predisposición de Estrella, a presidenta de dita asociación", segundo precisa.

Ana implicou os usuarios que participan nos cursos de informática gratuitos da Cemit, que aínda que nun primeiro momento non as tiñan todas consigo e non conseguían entender o obxectivo da iniciativa, foi ver as primeiras cartas listas para enviar e, sobre todo, recibir as primeiras postais de Pontesampaio e implicarse por completo.

Dende que daba comezo esta actividade, foron oito as misivas remitidas a Pontesamapaio

A exitosa iniciativa sufriu un pequeno alto ao decretarse o estado de alarma e cesar as clases presenciais, pero agora xa andan a barallar se mantela vixente a través do correo electrónico, para logo retomala tal e como estaba previsto, con cartas físicas, asinadas de puño e letra, cando volvan iniciarse as actividades.

Dende que daba comezo esta actividade, foron oito as misivas remitidas a Pontesamapaio, cada unha delas asinada polo seu autor ou autora, que ademais incluíu o nome popular co que é coñecida a súa casa "co fin de dar a coñecer eses nomes e de manter viva esa denominación", explica Ana, que detalla tamén a diversidade de contidos recollidos nesta correspondencia.

A escola de música de Guitiriz, as rutas de sendeirismo que hai no concello, a existencia da asociación de xubilados, o certame das Vilariñas que organizan Nova Poesía Guitirica e Lareira de Soños ou as saídas mensuais que promove o Concello co club Btteiros Cova da Serpe son algunhas das tématicas que xa viaxaron ata Pontesampaio a través da vía postal.

Os usuarios da aula Cemit tamén quixeron plasmar narracións populares, coa recompilación de tres relatos contados por persoas maiores de Guitiriz e de Mariz, e agora están a traballar sobre outro dos sinais de identidade do municipio, as bondades das súas augas mineromedicinais, un tema moi acaído logo de anunciarse a compra do Hotel Balneario por parte de Oca Hotels.

Usar as TIC e dar a coñecer Guitiriz 
A proposta Cartas de Aquí e de Acolá, ademais de recuperar o xénero epistolar como medio de comunicación, coa temática escollida para as cartas busca dar a coñecer e pór en valor actividades, asociacións, tradicións ou lugares de Guitiriz. E ambos propósitos lógranse co uso das novas tecnoloxías. Os usuarios escriben a ordenador e aprenden a usar recursos coma o diccionario, os correctores, os procesadores de textos ou os buscadores. 
Intercambio social
Outra das finalidades deste proxecto é crear vínculos entre a xente de distintos puntos de Galicia.

Comentarios