Diego Méndez: "Hai unhas 50 empresas interesadas en ampliar instalacións ou asentarse en Meira"

Este mozo de 32 anos é a cabeza visible da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Autónomos (Acea). A entidade, que levaba dúas décadas parada, trata de impulsar a economía local con diferentes iniciativas. Tamén ofrecerá formación e pelexará por aumentar o polígono.
Diego Méndez, presidente de Acea. M.MANCEBO
photo_camera Diego Méndez, presidente de Acea. M.MANCEBO

Por que decidiron dar o paso de reactivar Acea?

Sabiamos que existía a asociación, que se fundara no 1997, e que tivera unha actividade curta pero intensa ata aproximadamente o ano 2003. Levaba tempo coa idea de poder retomala, pero por unhas cousas ou outras non cheguei a tomar a decisión. A raíz, ou máis ben como consecuencia da pandemia, recordei esa idea e conseguín que un grupo se animase a levala adiante comigo.

Quen o acompaña na directiva?

Mónica Folgueira é a vicepresidenta; Eloy Fernández, o tesoureiro; Raquel Mel, a secretaria; e Daniel Veiga, o vogal.

É unha directiva moi nova.

Si, o maior, que é Daniel, ten 36 anos e a máis nova, que é Raquel, 27. Ademais, dase a circunstancia de que case todos somos as novas xeracións das empresas das nosas familias, salvo Daniel e Mónica, que son emprendedores. E a iso se suma que case todos tamén tiñamos experiencia previa colaborando noutras asociacións, bandas de música ou agrupacións deportivas ou culturais.

Comezaron a aventura o ano pasado cuns 60 socios. Cantos son agora?

Rondamos os 150 ou quizáis unha cifra lixeiramente superior. E o certo é que non estamos moi proactivos neste aspecto. Temos unha base importante e seguramente se fósemos máis insistentes poderiamos estar dobrando esas cifras. Un público que queremos achegar a nosa entidade son os responsables das explotacións gandeiras, a xente do ámbito forestal... Pero entendemos que temos que ofrecerlles algo antes.

Cal foi a actividade coa que se estrearon?

No 2020, como vimos que non había patronais en Meira polo tema da pandemia, decidimos facer un sorteo a través da iniciativa Festas do Quince polo Comercio Local. A xente que fixo as súas compras nos locais asociados nunhas determinadas datas entraban nun sorteo de tres compras gratuítas. Despois tamén fixemos uns bonos canxeables. Animamos á xente a que cando quere facer un agasallo ou un detalle merque estes bonos que buscan fomentar o negocio entre os nosos establecementos asociados.

O concurso de escaparates do Nadal tivo un seguemento en redes de máis de 30.000 persoas

Cal das actividades organizadas ata o de agora por Acea funcionou mellor?

O concurso de escaparates polo Nadal tivo unha moi boa aceptación. Tivemos un seguemento en redes sociais de máis de 30.000 persoas. A xente votaba as propostas que máis lle gustaban e nós premiamos aos tres mellores.

E que outras iniciativas promoveron ao longo do ano?

Tamén repartimos rifas para o sorteo dunha cesta con produtos típicos do Entroido entre os clientes que mercaron nos establecementos asociados. E o máis recente foi a animación musical da charanga polas rúas coincidindo co que serían as festas patronais deste ano e a actividade de ‘escape room’ A procura das Reliquias do Císter, que superou calquera tipo de expectativa.

Gustaríalles repetila?

Falamos coa técnica de turismo, Yoani Jartín, que podería ser interesante como actividade para que poidan facer os turistas que veñan a Meira ao longo do ano. E non descartamos poder repetila en agosto de 2022, ofrecendo outras pistas e facendo as modificacións que sexan necesarias.

Tamén quixeron retomar o San Cristovo, pero de novo a pandemia púxose polo medio.

Dous días antes tivemos que aplazalo por un gromo de coronavirus en Meira e seguindo as recomendación do Sergas. Pero vaise facer, non sei cando, pero retomarase.

Que tal están acollendo todas estas actividades os socios?

Ben, aínda que entendemos que haxa algunha xente que crea que aínda non chegamos a ela. Por exemplo, o sector industrial ou os propios autónomos. E niso estamos traballando. Queremos ofertar programas formativos cun calendario máis ou menos estable dunhas dez ou doce xornadas para ofrecer formación a autónomos, comerciantes e mesmo a traballadores sobre dixitalización, a importancia das redes sociais,...

Pero a principal loita da entidade pasa por conseguir a ampliación do polígono?

Si, é o noso obxectivo número un. Organizamos unha reunión xunto co Concello de Meira, co que contamos con todo o seu apoio, para ver o interese que poderían ter os empresarios. Iniciamos un rexistro no que se inscribiron uns 50. A maioría xa están no polígono e queren ampliar as súas instalacións e unha ducia serían novas firmas interesadas en asentarse.

Que outros pasos deron?

Reunímonos tamén co delegado da zona norte de Xestur. Hai un problema burocrático, xa que hai unha antiga fase do polígono que está sin executar. Habería que revisar ese proxecto para adaptalo ás necesidades do ano 2021, xa que está proxectada segundo un plan urbanístico do 93. Ademais, despois de completar esa fase, sería interesante facer unha cuarta para as novas firmas.

Cantas empresas están agora mesmo asentadas no parque empresarial meirego?

Máis dunha vintena. As naves están todas practicamente cheas e con actividade. E a iso hai que sumar outras empresas que non están no propio polígono.

Por que Meira é un lugar atractivo para a actividade empresarial?

Porque pode cubrir as necesidades de suministro das empresas, está preto da capital da provincia, da Mariña e temos conexión con Asturias e ademais un polígono que xa está funcionando ben. 

"O negocio iniciouno meu avó no 42, seguiu meu pai a mediados dos 80 e eu púxenme eu á fronte no 2020"
Sempre tivo claro que asumiría o control do negocio familiar?
Si. Toda a miña formación foi enfocada a iso, e tamén a experiencia laboral en banca e no Igape axudoume a aumentar coñecementos.
É xa a terceira xeración de Almacenes Méndez.
O negocio iniciouno meu avó Manuel no 42. Seguiu meu pai Luciano a mediados dos 80 e no 2020 púxenme eu á fronte.
Por temas laborais e de formación estivo lonxe de Meira. Que era o que máis botaba de menos?
Saír da casa, sen quedar con ninguén, e ir a tomar un café a un bar e entablar conversa con calquera. É das cousas que máis me gustan. 
Ten algún recuncho especial?
A Praza do Convento. Os da miña xeración e tamén os maiores pasamos moitas horas xogando alí.
Unha afección?
O baloncesto.

Comentarios