Diego As crea un mural en Cospeito inspirado na muller, na Lagoa e en Caldaloba

A protagonista da obra é Constanza de Castro, quen resistiu durante máis dun ano contra as forzas dos Reis Católicos atrincheirada no Castelo de Vilaxoán

Mural de Diego As en Cospeito. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Mural de Diego As en Cospeito. CRISTINA PÉREZ

Constanza de Castro, unha de tantas heroínas esquecidas. A filla do máis que coñecido mariscal Pardo de Cela ten o seu oco na historia galega e chairega, e máis concretamente, na de Cospeito, onde seu foi o mérito de resistir durante máis dun ano contra as forzas dos Reis Católicos atrincheirada no Castelo de Vilaxoán, convertido no último bastión de resistencia da nobreza galega no século XV.

Ela, como símbolo de moitas outras constanzas, serve de inspiración para o mural que o Concello de Cospeito lle encomendou ao lugués Diego As na Feira do Monte e que o artista culminará esta semana nun gran lenzo que comprende uns 250 metros cadrados, nun inmoble situado entre as rúas Cidade de Veria e de Valverde.

Un emprazamento que tamén acaba por ser simbólico, pois eses son os nomes que se lle dan á vila que, segundo conta a lenda, quedou asolagada baixo as augas da Lagoa de Cospeito, o outro elemento que, xunto á Torre de Caldaloba, non podía faltar no mural cospeités.

Así pois, natureza, historia e a figura de Constanza de Castro entrelázanse nunha composición na que priman os verdes e os grises. "Apetecíame que non levase cores estridentes", explica o artista, que optou pola sutileza na obra e pola inmediatez nos trazos á hora de representar estes elementos, cunha fortaleza crebada que se intúe, paxaros voando e árbores en alusión ás zonas humidas e unha figura feminina como gran protagonista da composición.

E quen mellor que Constanza, que salvou obstáculos e a desigualdade propia do seu xénero ata empoderarse e liderar a loita, exemplificando que as aristócratas medievais "non foron só simples damas encerradas en castelos", tal e como indica a traballadora social de Cospeito, Ana Belén Iglesias, encargada de coordinar o proxecto, que se financia con cargo ao Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

"Traballamos para erradicar actitudes sexistas que impidan ás mulleres o exercicio efectivo e real dos seus dereitos en calquera ámbito, lugar ou época da vida", precisan dende o Concello, que nesta ocasión apostou polo poder comunicador da arte para "concienciar e sensibilizar", poñendo en valor unha figura feminina relevante e para moitos descoñecida da historia local.

Así o destacou o alcalde, Armando Castosa, quen fixo fincapé na actitude reflexiva da protagonista do mural, desexando que convide a quen a vexa a empatizar coa necesidade de acadar unha sociedade máis "igualitaria, xusta e libre", ao que o Concello quere contribuír coa "aplicación transversal de medidas de promoción da igualdade de xénero".

Comentarios