Díaz Sanjurjo, o único santo 100% galego

San Xosé María, nativo da parroquia polense de Suegos, foi perseguido e martirizado por desenvolver a súa tarefa evanxelizadora no actual Vietnam. O Papa Juan Pablo II canonizouno hai 30 anos

Canonización de Díaz Sanjurjo. AEP
photo_camera Canonización de Díaz Sanjurjo. AEP

"Contaban que de ben pequeno xa lle gustaba subirse a unha árbore que había ao redor da súa casa para predicar". Así é como recorda Manuel Labrada, o bisneto dun irmán de Xosé María Díaz Sanjurjo, os inicios do único santo 100% galego. Un descoñecido para moitos, pero unha figura clave da historia, que sempre se mostrou firme coas súas crenzas.

Díaz Sanjurjo naceu na parroquia de Santa Eulalia de Suegos, en Pol, o 25 de outubro de 1818. Iniciou os seus estudos no seminario en Lugo, para despois pasar a Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou seis anos de Teoloxía e un de Dereito.

Tal e como recordan os seus descendentes, -entre os que hai varios relixiosos como Indalecio Gómez Varela, expárroco de San Pedro en Lugo, ou Félix Rielo, que exerceu durante anos no Cebreiro-, dende neno tiña claro que a súa opción pasaba pola vida relixiosa.

Ordeouse sacerdote en Cádiz e seis meses despois chegou a Manila (Filipinas) onde esperou o seu destino misional

Ingresou en 1842 no colexio misioneiros de Ocaña, da Orde dos Dominicos, e ordenouse sacerdote en Cádiz. Tan só seis meses despois chegou a Manila (Filipinas) xunto a outros cinco compañeiros, á espera do seu destino misional.

Tonkín -a actual Vietnam- recibiuno nunha época convulsa, na que se aprobou un decreto persecutorio contra o cristianismo por orde do emperador Tu-Duc. Ofrecíanse ata 300 onzas de prata para aqueles que descubrisen aos misioneiros estranxeiros.

As súas conviccións firmes pesaron unha vez máis, como o facían enriba das ramas da árbore da súa casa en Suegos, e Díaz Sanjurjo non só permaneceu no país, senón que ademais continuou coa súa tarefa evanxelizadora, chegando a ser nomeado bispo de Platea e coadxunto do Vicario Apostólico en 1849, con tan só 31 anos.

Díaz Sanjurjo. AEPPero a situación volveuse complicar para os misioneiros cristiáns chegados dende distintos recunchos de Europa e, en 1857, un novo decreto aínda máis cruento ameazaba de morte aos sacerdotes e bispos, pero tamén aos xefes dos poboados que non denunciasen a presenza dos relixiosos estranxeiros. Foi o principio do fin.

O santo polense foi capturado e sometido a prisión. Ofrecéuselle a posibilidade de apostatar, pero tampouco cedeu ante unha morte segura, que chegou o 20 de xullo de 1857, cando Nam Dinh o decapitou e expuxo a súa cabeza nun pau como escarmento, para despois ceibala ao río xunto ao resto do seu corpo.

"Coa súa execución comezou a Guerra da Conchinchina", explica Labrada, quen lamenta que «nunca se lle dese a importancia que ten a súa figura», que motivou que unha coalición formada polo Segundo Imperio Francés e o Reino de España enviasen forzas expedicionarias para castigar ao estado vietnamita polo seu asasinato.

O conflito rematou coa firma dun tratado de paz en 1862, case un século antes de que a Igrexa decidise recoñecer o labor desenvolvido polos misioneiros e polo bispo Díaz Sanjurjo nas terras de Tonkín.

Foi beatificado polo Papa Pío XII en 1951 e canonizado por Juan Pablo II no 88, hai xa 30 anos. "Achegouse moita xente ata o Vaticano. Eu fun cos do seminario, pero tamén organizaron viaxes dende o bispado e dende un convento de Vilagarcía de Arousa, onde foi monxa unha irmá del", conta Manuel Labrada, que recorda esa experiencia con moito «sentimento».

Foi beatificado polo Papa Pío XII en 1951 e canonizado por Juan Pablo II no 88, hai xa tres décadas

"A Praza de San Pedro estaba chea de ikurriñas, só había unha bandeira galega que levaron os do seminario. Os vascos tiveron moito máis protagonismo", recorda o seu descendente, quen explica que tamén canonizaron nese mesmo acto a outros 117 mártires que sufriron idéntica persecución e torturas, e que procedían a gran maioría de Cataluña, Asturias e País Vasco.

A raíz do seu recoñecemento como santo, foron moitos os veciños que comezaron a ter máis en conta a súa figura e o seu papel evanxelizador. Foi así como hai uns anos naceu unha romaría na súa honra, curiosamente non en Suegos, senón na parroquia veciña de Valonga, tamén en Pol.

Talla de Díaz Sanjurjo. AEPAlí foi onde naceu súa nai, Josefa Teresa Sanjurjo, e onde cada 20 de xullo os veciños acoden á igrexa para render o seu particular recoñecemento a un home que deu a súa propia vida por defender aquilo no que cría e por axudar aos demais.

O templo de Valonga conta cunha imaxe do santo -hai outras en Suegos e no seminario e na igrexa de San Pedro, en Lugo-, que sae na tradicional procesión anual, e que foi deseñada e construída en madeira maciza por Hilario de Belesende, un veciño do lugar.

El e moitos outros devotos de San Xosé María Díaz Sanjurjo estarán presentes no acto que a parroquia e a diócese luguesa preparan para conmemorar o 200 aniversario do seu nacemento. "Será o día 20", anuncia o sacerdote Jesús Trigo, quen avanza que a xornada servirá para «agradecer, celebrar e deixar testemuño» da vida e do labor "do único santo 100% galego".

Comentarios