Nove días e toda unha vida

Ofelia Rego leva 58 anos cumprindo co ritual de bañarse na Charca do Aligal de Codesido, con 90 anos, esta naronesa é fiel á súa cita estival cunha augas ás que lle atribue a curación da psorease que sufría 
photo_camera Ofelia, dándose un baño na Charca do Alligal de Codesido. EP

Ofelia Rego Pita nacía un 4 de maio de 1931 nas Pontes, mais xa de pequena marchaba para Narón, concello no que hai xa uns anos volveu fixar a súa residencia, logo de pasar máis de dúas décadas en San Valentín (Fene). Son 90 anos ben cargadiños de experiencias vitais que ela é quen de repasar cunha memoria envexable con quen queira botar unha parolada. E nesa longa traxectoria, hai unha constante, unha cita ineludible coa Charca do Alligal de Codesido, á que leva vindo de xeito ininterrompido todos os veráns dende aquela primeira vez que a trouxo unha veciña para tentar remediar os seus problemas de psoriase. E van 58.

''Non fallei nunca'', asegura Ofelia. Nin a pandemia foi quen de afastala do ritual dos baños, aínda que en 2020, no canto de quedar no Hotel Spa Attica21, como fixo os últimos anos e fai tamén este verán, alguén da familia ía e viña con ela. "Sigo vindo porque lle teño medo a un brote, a que me volva a psorease", di. E iso que logo dos primeiros cinco anos, ao non notar melloría, estivo a piques de deixalo.

"Como vía que non arreaba, dicía non me fai nada, non volvo máis, pero animáronme a que non o deixase, volvín o sexto e empecei a notar que "rolaba" a pel coma se fose fariña de trigo amasada, a feito, que empezaba a limpar, e que cada vez tiña menos", relata Ofelia, que bota a vista atrás para contar cando comezou a súa enfermidade. "Empezoume con nove anos", lembra, e foille indo a máis ata estar "cuberta".

"O ano que morreu o papá, -súa nai xa finara cando ela tiña 14 anos, e quedaron os dous sós-, estendéuseme ata pola cara", conta, precisando que daquela tiña 31 anos e nunca se maquillaba, pero si usaba aceite de oliva para intentar paliar o efectos. E foi entón cando comezou a cumprir co ritual dos baños: un mínimo de nove días -poden ser máis, sempre impares-, e a "dieta" posterior, que ben sendo non traballar outros tantos días como baños se tomaron.

O primeiro ano viñera cunha veciña que acudía polas varices, e con ela foi á Casa do Muiñeiro. "Daquela non me dixo nada, pero despois a da casa contoume que non me quería deixar quedar porque pensaba que tiña a lepra, pero que súa nai lle dixera "métea, aínda que a metas na palleira", lembra Ofelia co sorriso perenne. Non chegaron a tanto, quedou naquela casa do Carrizo, en Santaballa, aquel verán de hai case 60 anos e a ela seguiu volvendo durante máis de catro décadas.

"Teño contado ata 26 persoas, non sei nin onde nos metiamos; un ano, que viña coa miña sobriña e o meu fillo, que daquela tiña doce anos ,dixeronnos que non había sitio, único se nos poñía un colchón na sala; así foi, durmimos os tres no colchón e ao fillo íaselle a cabeza para debaixo dun armario, queixábase e eu dicíalle, estate quietiño un pouquiño que logo é día", relata, enlazando una anécdota con outra.

"Pasabamolo de marabilla, botabamos a partida, xogabamos toda a tarde, faciamos sardiñadas, churrascadas... unha vez fomos comer varios matrimonios a Alba e pecharon o bar para que nós fixeramos festa", conta. E reflexiona: "Hoxe son eu soa dos que viñamos de Ferrol, son a que aguanto, o resto fóronse xa...".

Era tanta a relación que non só viñan á Charca, senón tamén ao patrón de Santaballa, o San Pedro, ás tradicionais merendas de Bordelle ou mesmo pasar todo o verán.

Agora, hospédase nun hotel que viu xurdir da nada. "Antes viñamos no bus de Vilalba, collíamolo en Xuvia, e aquí na casa tiñamos que facelo todo, traiamos carne, patacas, ovos.. para pasar os días e agora fanmo todo, ata me deixan bombóns na almofada", bromea. O que non mudou foi o ritual, pola mañá, o baño e pola tarde, tempo de lecer. Se antes había paseos e festas, agora le, ve a televisión e descansa. Polo menos no tempo que está en Vilalba, porque en Narón aínda este ano plantou 40 coles "para ter unhas verzas para darlles ás galiñas. Teño seis e dinme que me desfaga delas, pero así estou entretida".

Porque a Ofelia nunca a arredou o traballo, xa fose co gando, na horta ou atendendo a casa da veciña para que poidese ir tomar as aguas a Guitiriz -chegaron a un acordo polo que unha se facía cargo das tarefas da outra para que as dúas poidesen ir á charca e ao balneario-. E ata collendo un sacho para delimitar a charca. Ela pode dar testemuña directa dos cambios experimentados nun espazo que hoxe pouco ten que ver co que se atopaba nas súas primeiras visitas alá polos anos 60.

"Daquela o río metíase na charca, así que nos xuntabamos e collíamos raños, horquillas... o que fose e tapabamos o río, cerrabamos todo de terróns para que non entrase a auga. Foi así ata que o do Carrizo falou co Concello para que se cerrase a charca", conta. E un recordo chama por outro: "Daquela había moitas vacas por aquí, e había unha rapaza que viña con elas e me dicía, Ofelia, déixasme o bañador e así podo bañarme, e eu deixáballo".

"Acórdome de saír dela toda chea de fango e limparme algo coa toalla para poder vestirme", relata, lembrando tamén que ten ido en botas ata a charca, en pleno verán, porque o camiño estaba anegado. Ao carón desa Charca do Alligal que lle axudou a curar unha enfermidade, lle ofreceu novas amizades e un milleiro de lembranzas, Ofelia podería botar horas debullando anécdotas. E é que 58 veráns dan para moito.

Comentarios