Dezanove asociacións reivindican que Caldaloba pase a ser un ben público

Antón Meilán, Orlando Viveiro e Alberte Ansede defenderon a necesidade de conservar e pór en valor a torre de Vilaxoán, "vinculada a un capítulo transcendental da nosa historia"
2021052312475338822
photo_camera Actuación de Caivanca no acto celebrado na Torre de Caldaloba. C. PÉREZ

"Vilaxoán está vinculada a un capítulo transcendental da nosa historia e o obxectivo deste acto é que esta torre, que ten un valor patrimonial importante e un valor histórico enorme, pase a ser un ben público, debidamente restaurado e posto en valor", di Alberte Ansede, da Fundación Manuel María. Poderíanse dar moitos máis argumentos, pero esta frase resume o que levou a 19 asocacións a unir forzas para reivindicar a conservación da Torre de Caldaloba, o "último bastión do antigo reino de Galicia", tal e como lembrou o profesor Antón Meilán.

Onte fixérono nun acto celebrado ante a vella fortaleza que, maila ao estado ruinoso no que se atopa, aínda é quen de evocar a grandeza de antano, esa á que aludiu Meilán na súa intervención: "Vilaxóan, como a Frouseira (O Valadouro), son un símbolo de loita e resistencia para todos os galegos (...), son dúas fortalezas simbólicas para nós, ás que temos que peregrinar coa ilusión do que arela unha Galiza de seu", dixo.

Na de Caldaloba, na parroquia cospeitesa de Pino, afrontou Constanza de Castro -logo do asasinato do seu pai, o Mariscal Pardo de Cela, e do seu irmán- o sitio das tropas dos Reis Católicos e dos seus aliados. "Loitaron ata desfalecer", contou Meilán, facendo un resumo da súa investigación "Constanza de Castro: defensa, loita e morte na fortaleza de Vilaxóan". E resistiron, porque a torre "non foi conquistada nin derrotada polas armas", senón que lles «envelenaron as augas», o que acabou por provocar a morte de Constanza.

"Aquí está enterrada esa muller que pagou coa súa vida un longo ano de loita contra as tropas de Castela. Polo tanto, isto é terra sagrada, é terra que debemos venerar porque aquí están os ósos e o sangue dos que aquí loitaron", dixo Meilán, que pediu unha estatatua na honra de Constanza.

A loita por preservar a torre non é nova, como lembrou o divulgador cultural Orlando Viveiro, que quixo salientar o labor, hai xa máis de dúas décadas, das Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego: "Caldaloba era o seu proxecto estrela, fixeron campañas de limpeza, de divulgación, editaron unha banda deseñada...".

Viveiro tamén fixo fincapé na importancia de mirar polo patrimonio antes de que se perda, como pasou co cruceiro de Denune (Begonte), que rompeu hai anos; coa Ponte do Porto (Pino), perdida nunha riada, ou coas medorras da Millarada (Pino), destruídas dúas delas por unha plantación.

Comentarios