Dez novas confirmacións pechan o cartel do FIV de Vilalba

O festival, que contará con artistas como Sidecars ou Lori Meyers, terá lugar entre o 28 e o 30 de abril
Berta Franklin en concierto. EP
photo_camera Berta Franklin en concierto. EP

O FIV de Vilalba pechou, con dez novas confirmacións, a lista de artistas que actuarán na capital chairega entre o 28 e o 30 de abril na celebración dunha nova edición do festival, que contará, como tódolos anos, cun cartel cheo de grupos de renome no panorama indie nacional.

Lori Meyers, Sidecars, Moura, Los Malinches, Berta Franklin, as sesións a cargo de Akkan, Ochoymedio DJs e Jus Kno', a proposta infantil de Gramola Gominola no FIV Kids e o tradicional concerto da Banda de Música de Vilalba son as últimas confirmacións de cara á edición deste ano. Súmanse así ás actuacións xa anunciadas de La Casa Azul, Sidonie, Delaporte, Carlangas e Hickeys.

A oferta inclúe música en castelán e en galego e trae de volta a artistas que xa actuaron noutras edicións, á vez que innova noutras propostas, con grupos dos que poderán gozar por primeira vez os fivers.

Dende a organización confirmaron tamén a Praza da Contitución e o Campo da Feira como os dous lugares elixidos para albergar os dous escenarios, Emerxente e FIV, respectivamente, cos que contará esta décimo sexta edición.

"O festival supón unha inxección importante en canto á revitalización económica, pois o seu desenvolvemento tradúcese en emprego e un grande impulso na promoción turística da localidade", explica o Concello de Vilalba sobre unha cita que abre a tempada do calendario festivaleiro.

Os abonos seguen á venda na súa terceira quenda, a 38 euros máis gastos de xestión, na web fivdevilalba.com. Cando se esgoten estes 800, pasarase á cuarta e definitiva, onde estarán a disposición do público os últimos 3.300 a un prezo de 45 euros máis gastos de xestión.

A organización avanza ademais que tamén se porán a venda entradas por día e que se irá informando sobre un novo servizo de transporte as sobre zonas de acampada.

BUSES. O FIV adiantou que este ano haberá dispoñibilidade de trasporte para a xente de fóra de Vilalba, con autobuses dende Lugo e dende A Coruña para acudir ao festival.

Esta é unha das grandes novidades desta edición, xa que é a primeira vez que se habilita este servizo, unha das peticións con máis demanda por parte dos asistentes ao festival.

Comentarios