Devoción e tradición cítanse nos Milagres

O santuario de Saavedra volveu acoller o martes centos de fieis, moitos deles chegados a pé e outros en coche, dando boa conta de que é unha romaría que non perde tirón. A festa e as misas continúan durante a fin de semana
Unha devota portando unha figura da virxe. S.IGLESIA
photo_camera Unha devota portando unha figura da virxe. S.IGLESIA

Por unha promesa, por devoción, por costume ou só por reunirse, son moitos e variados os motivos que levan a centos de persoas ata o santuario da Virxe dos Milagres de Saavedra, que este martes se volveu a ateigar de fieis como vén sendo tradición cada 24 de maio.

As portas da igrexa abríanse ás sete da mañá para recibir aos devotos máis madrugadores e, ata as 13.30 horas, o párroco Ángel acompañado por outros sete sacerdotes ofreceron misas de xeito case ininterrompido. "Demos unhas nove toda a mañá e pola tarde outras catro ou cinco", dicía o cura de Saavedra pouco despois de finalizar a procesión do mediodía. "Xa estamos outra vez na normalidade", apuntaba sobre o goteo constante de persoas que chegaban á igrexa, ben a pé ou ben en coche. "Ata o bispo quedou admirado pola xente que se atopou andando", apostilaba o sacerdote.

Asistentes a unha das misas. S. IGLESIA
Asistentes a unha das misas. S. IGLESIA

E é que, tal e como prometera, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, celebrou a última misa da mañá. "Hoy estoy pagando la penitencia por no haber pasado por los Milagros al ordenarme, como manda la tradición, hace nueve meses; pero bendita penitencia esta", asegurou o prelado na súa intervención.

Para García Cadiñanos era a primeira vez no santuario de Saavedra, onde antes de entrar tivo ocasión de pasear entre os máis de 25 postos que se citaron na contorna do templo. Candeas e roscas sobre todo, pero tamén churros, estampas, rosarios, bixutería, cereixas ou xoguetes e todo canto se podía atopar. Moitos deles veteranos na romaría. A churraría Luci leva 27 anos acudindo e, desde daquela, viron cambiar "moito" a festa. "Antes viña xente de rodillas desde a estrada, había merendas, agora xa non hai nada diso", lembraba Jesús Couso quen, se ten que cifrar os churros que teñen feito nuns sós Milagres, fala de "40 ou 50.000".

Imposición da santa, a través de una pantalla. S. IGLESIA
Imposición da santa, a través dunha pantalla. S. IGLESIA

De xeonllos non, pero houbo poucos que non deran as súas voltas arredor do santuario, puxeran candeas ou rezaran polos seus. Ángeles Paz partiu do O Ceao andando co seu marido, José Rovira, e á súa chegada á igrexa begontesa pediu pola súa "amiga de toda la vida, que tiene problemas y hoy -por este martes- se sometía a una intervención", explicaba á espera da saída da procesión.

Tamén a pé chegaba Isaura Engroba, de Goá, coas súas amigas e familiares da parroquia cospeitesa, da Feira do Monte e de Lugo. "Nun principio viñamos porque necesitabamos a Virxe, pero agora xa o facemos por tradición. Iso si, vimos sempre o día propio", matizaba despois de percorrer máis de 17 quilómetros. "Agora volvemos en coche", sostiña despois de colocar as súas respectivas candeas.

Dous fieis dorean o santuario. S. IGLESIA
Dúas fieis rodean o santuario. S. IGLESIA

En cambio, Andrea Loredana Zagan e Patricia Giménez foron máis de dar pedal. "Salimos de Lugo y éramos las únicas en bicicleta", dicía ao tempo que destacaba que esta é unha romaría que "me encanta. La conocí porque mi pareja es de Abadín y venía con él, pero ahora ya vengo sola. Vine el domingo y volveré el sábado".

E misas e festa vai atopar. O sábado haberá oficios ás 12.30, 13.30 e 20.30 horas, ademais de sesión vermú con Solara, que repetirá á noite co DJ Marcos Magán. O domingo, as cerimonias serán ás 11.30, 12.30 e 13.30 horas, ademais de vermú co trío Mar d'Arousa, que pechará os Milagres máis normais desde 2019.

Comentarios