Rapa das Bestas en Vilapedre: destreza e forza contra bestas e garañóns

A finca Enxebreza e a asociación ecuestre Docavil celebraron a primeira edición desta convocatoria, que contou cunha grande afluencia de xente
Varios aloitadores tratando de suxeitar un dos animais. NOEMI FERNÁNDEZ
photo_camera Varios aloitadores tratando de suxeitar un dos animais. NOEMI FERNÁNDEZ

"A rapa é algo que se leva por dentro", sinalaba Zelai Espantoso, a única muller este sábado no curro da parroquia vilalbesa de Vilapedre, onde a finca Enxebreza e a asociación Docavil celebraron a I Rapa da Bestas. Esta moza de 21 anos medrou neste tipo de citas e para ela "se estás fóra e non te podes meter férveche o sangue, e ao final tes que acabar entrando si ou si".

Ter destreza foi crucial para os máis de 20 aloitadores que recibiron golpes e couces ao longo da mañá de onte mentres cortaban as crinas das bestas e dos garañóns. O espectáculo, que durou máis de dúas horas, deixou abraiados aos centos de espectadores que se acercaron ata o lugar.

Un momento da primeira Rapa das Bestas de Vilapedre. NOEMI FERNÁNDEZ
Un momento da primeira Rapa das Bestas de Vilapedre. NOEMI FERNÁNDEZ

O interese polo mundo equino foi un dos motivos que levou aos veciños e veciñas de toda a Terra Chá ata Vilapedre. É o caso de Marcos García, un mozo de A Pastoriza apaixonado polo mundo animal, que catalogou a rapa como "ben organizada e accesible". "O curro está nun lugar de fácil acceso que anima á xente a vir ata aquí; ademais coñecemos a Xabi e sabiamos que baixarían moitos animais. Isto converteuse en toda unha demostración de maña e de destreza", valorou.

Un auténtico espectáculo que animaba ao público a berrar, animar ou aplaudir cando os aloitadores conseguían vencer os animais, unha tarefa que por momentos chegou a presentar aparentes dificultades, dada a resistencia que opoñían.

Público asistente. NOEMI FERNÁNDEZ
Público asistente. NOEMI FERNÁNDEZ

Ao redor do curro tamén descansaban os cabalos que participaran na ruta de primeira hora da mañá e algúns dos que agardaban polo marcaxe e o dorsal necesario para as carreiras da tarde, proceso que se levou a cabo logo de finalizar a rapa.

Cando rematou o traballo e todos os animais pasaron polas mans dos aloitadores, deuse paso á festa. A música comezou a soar nos altavoces do DJ de Puzzle Animación e tanto o público como os traballadores foron desprazándose pouco a pouco ata a carpa situada a uns metros do curro na que se celebrou a sesión vermú.

Un dos aloitadores, cortándolle as crinas a un exemplar. NOEMI FERNÁNDEZ
Un dos aloitadores, cortándolle as crinas a un exemplar. NOEMI FERNÁNDEZ

A mesma carpa albergou a comida campestre da que puideron gozar todos aqueles que recolleran previamente o ticket necesario. Unha comida na que se xuntaron arredor de 400 persoas de todas as xeracións, pois serviu de punto de encontro entre os máis pequenos e os maiores, tanto veciños de Vilalba como doutros concellos da comarca.

Logo da parada, necesaria para repoñer as forzas investidas na rapa das bestas, realizáronse varias carreiras de andadura libre divididas en catro categorías: serrada -1,50; serrada +1,50; chapeada -1,50 e chapeada +1,50. En cada unha delas clasificáronse cinco xinetes aos que se agasallou con premios de 100 euros para os primeiros, 70 para os segundos e 40 para os terceiros, ademais dun diploma.

Aloitadores que participaron na Rapa das Bestas de Vilapedre. NOEMI FERNÁNDEZ
Aloitadores que participaron na Rapa das Bestas de Vilapedre. NOEMI FERNÁNDEZ

Comentarios