Deseños cheos de vida 

A central, o lago e o seu monstro son os elementos centrais do colorido cartel que anuncia a Feira do Grelo das Pontes, obra do artista local Juancito Prieto Criado

Juancito Prieto amosa o cartel da Feira do Grelo, fronte á capela do Carme. M. MANCEBO
photo_camera Juancito Prieto amosa o cartel da Feira do Grelo, fronte á capela do Carme. M. MANCEBO

A golpe de plastilina e rotuladores de cores. Así comezou con apenas cinco anos a paixón de Juancito Prieto Criado polo debuxo. O temido folio en branco foi para el dende neno a mellor arma para expresarse. "Era no que investía a maior parte do tempo", recoñece este mozo pontés, o flamante autor do cartel que anuncia a Feira do Grelo, que se celebrará os días 10 e 11 de febreiro na súa vila natal. 

Dende o Concello propuxéronlle deseñalo, para continuar coa liña de promoción dos artistas locais, e fíxoo encantado. "Para min é moi ilusionante", di Juancito, quen afirma que o obxectivo que o moveu cando comezou cos bocetos foi "chamar a atención". 'Deslumbrar’ co seu debuxo. E vaia se o conseguiu. 

"Non quería que fose un cartel dos típicos, cos clásicos estereotipos e letras que non te paras a mirar", reflexiona, mentres debulla as claves do éxito do seu debuxo. Ese que fará xirar a cabeza a máis dun cando camiñe pola rúa. 

Entre os proxectos de futuro deste mozo pontés están participar no As Pontes enPezas ou ilustrar contos infantís


"O lago tiña que estar presente e decidín meterlle o monstro, aínda que non haxa un oficial", conta entre risas, confirmando que os grelos tamén teñen presencia, e o colorido, o seu sinal de identidade, englóbaoo todo. 

Os deseños deste artista pontés caracterízanse polos trazos sinxelos, sen grandes flotiruras. "Teñen un toque infantil", recoñece o propio autor, que pese a que o debuxo sempre estivo presente na súa vida, decidiu escoller outro camiño profesional. 

Actualmente é mestre nunha escola infantil na Coruña, un traballo que lle permite achegar a súa paixón aos máis pequenos. "Facemos moitos debuxos, murais... E doulles toda a liberdade do mundo, paréceme o máis apropiado para que aprendan", di Juancito, que non descarta ilustrar algún día contos para nenos.

Este é só un dos múltiples proxectos que sobrevoan a súa inquieta cabeza. Tamén pensa en participar no As Pontes enPezas, deseñar unha web ou repetir a experiencia de expoñer, algo que xa fixo nun bar da Coruña con grande éxito.

 Para aqueles que queiran coñecer máis do seu traballo poden seguilo no seu Instagram —Juancito588—, e darlles ás súas vidas algún toque máis de cor.

Comentarios