A Deputación reafirma o seu compromiso coa Moexmu de Muimenta

Os deputados de Recursos Sostibles e Participación Cidadá participaron este sábado nunha xuntanza de traballo que serviu para abordar a organización da trixésimo novena edición da cita chairega
Asistentes á xuntanza de organización da Moexmu de Muimenta. EP
photo_camera Asistentes á xuntanza de organización da Moexmu de Muimenta. EP

Os deputados de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron este sábado en Cospeito nunha xuntanza de traballo promovida pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, na que reafirmaron o compromiso da Deputación coa Moexmu.

Ao encontro, ao que acudiron outros representantes políticos como o rexedor cospeités, Armando Castosa, tamén asistiron algúns gandeiros, e serviu para abordar a organización da trixésimo novena edición deste evento, que se celebrará a fin de semana do 31 de marzo.

Fernández Rico destacou o compromiso da Deputación con esta feira multisectorial que supón "un dos mellores escaparates para o impulso do sector primario da nosa provincia".

O evento celebrarase a fin de semana do 31 de marzo

Unha feira que xira arredor do gando, da maquinaria e da artesanía, "tres sinais de identidade do noso rural que temos que coidar para recuperar o sector e para seguilo consolidando como unha actividade económica estratéxica e de futuro para a provincia de Lugo", abundou o deputado.

A institución provincial triplicou na edición do ano 2022 a súa colaboración coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, á que achegou 33.000 euros para a celebración da cita e a realización do primeiro concurso autonómico de gando frisón na provincia de Lugo.