A Deputación financia a redacción do proxecto para rehabilitar a casa natal de Díaz Castro

A casa do poeta, cedida polos seus herdeiros a Xermolos, conta cunha superficie construída de 374 metros cadrados, dividida en dúas plantas
 

O acto celebrado diante da casa natal de Díaz Castro. CRISTINA PÉREZ
photo_camera O acto celebrado diante da casa natal de Díaz Castro. CRISTINA PÉREZ

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, acompañado pola alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, asinou este luns un acordo de colaboración coa Asociación Cultural Xermolos para asumir os gastos de redacción do proxecto de rehabilitación da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen a Real Academia Galega lle dedicou en 2014 o Día das Letras Galegas.

Este convenio de colaboración está dotado con 10.000 euros, unha cantidade coa que a Deputación asume o custo do proxecto para "impulsar a figura de Díaz Castro", precisou o presidente da institución provincial, porque supón "impulsar o patrimonio inmaterial de todos os galegos, situando a Guitiriz no mapa cultural deste país".

A casa de Díaz Castro, cedida polos seus herdeiros a Xermolos, conta cun superficie construída de 374 metros cadrados, dividida en dúas plantas.

Esa superficie quedará repartida en diversos espazos, nos que se situará a Sala Díaz Castro, que custodiará documentos e recordos do poeta; a Sala da Memoria, formada por unha biblioteca e un arquivo; Memoria da Comarca, unha estancia na que se desenvolverán encontros entre a xente maior e os mozos da zona; e Cociña, que será un arquivo para documentación de asociacións culturais.

Así mesmo, haberá unha Habitación do Poeta, un "cuarto aberto a persoas que queiran aloxarse e aproveitar o ambiente do lugar para crear", e un "auditorio multinacional", no que se fomentarán "os debates e as reunións" de carácter cultural.

A idea, precisou a alcaldesa de Guitiriz, é converter a casa natal de Díaz Castro na "Casa da Xente", en "un espazo aberto e moi dinámico", que chame "a atención" pola súa actividade continua e a pluralidade dos seus contidos.

"Desde o goberno da Diputación poñemos a disposición da Asociación Xermolos estes fondos para iniciar os traballos de recuperación da casa natal de Díaz Castro", dixo Campos, "arrincando coa elaboración do proxecto que definirá as actuacións necesarias a levar a cabo".

Un investimento, recordou, que se suma aos 85.000 euros investidos pola Diputación na Ruta da Pedra e no Centro de Interpretación Díaz Castro, situado nunha edificación tradicional no lugar de Vilariño dos Cregos, na parroquia de Os Vilares, e que pertenceu á casa natal do poeta.

Comentarios