Denuncian que se celebraron partidas de cartas nun bar pontés e o dono négao

▶ Un particular alertou este mércores á Policía Local de que se estaban saltando as restricións do estado de alarma

Un particular denunciou este mércores que se estaban a celebrar partidas de cartas nun bar das Pontes, feito que suporía o incumprimento das restricións impostas polo estado de alarma, e o dono do negocio nega a acusación. Asegura ademais que é "víctima de un bulo".

O incidente aconteceu na noite deste mércores, cando un particular deu aviso á Policía Local de que había xente no interior do establecemento. Ata o lugar desprazouse unha patrulla de axentes arredor das 23.30 horas, que aínda que non accedeu ao interior, si puido falar co responsable do bar, veciño da localidade e concelleiro do goberno local. Este explicoulles que estaba realizando "tarefas de mantemento".

Segundo apunta o edil nun comunicado emitido este xoves, dirixiuse ao seu negocio hostaleiro o día 18 de marzo para "realizar un mantenimiento y limpieza por recomendación de un proveedor para la mejor conservación tanto de los útiles y máquinas, como de la propia mercancía". Para a realización de ditas tarefas e mover algunhas das máquinas, afirma que precisou da axuda dunha terceira persoa.

Ademais, incide en que considera "de muy mal gusto hacer este uso de las redes sociales", por onde o asunto se estendeu con rapidez, e anuncia, no mesmo escrito que emitiu, que iniciará os trámites legais que considere oportunos para defender "mi honor y saber quién o quiénes están detrás de este bulo", conclúe.

GUITIRIZ. O Concello de Guitiriz recibiu varias chamadas de veciños alertando da presenza de persoas de paseo no contorno do río, unha práctica coa que se estaría incumprindo as normas decretadas polo Goberno durante o estado de alarma

Comentarios