Delicias para os padais máis esixentes

A undécima edición do certame de tapas Saborea As Pontes inicia hoxe a súa recta final permitindo aos clientes degustar 29 propostas e entrar nun sorteo de 1.800 euros en premios
Clientes degustando unha proposta no Saborea As Pontes. M.MANCEBO
photo_camera Clientes degustando unha proposta no Saborea As Pontes. M.MANCEBO

Delicias para sorprender os padais máis esixentes. Iso é o que están elaborando nos seus fogóns os 29 negocios de hostalaría que participan estes días —o certame arrincou o día 10 e prolongarase dende hoxe e ata o domingo— na undécima edición do concurso de tapas Saborea As Pontes.

Unha iniciativa que ofrece a posibilidade de «dar a coñecer o bo facer dos nosos hostaleiros», mentres "acollemos a centos de visitantes amantes do turismo gastronómico que chegan ata a nosa vila atraídos por unhas creacións culinarias que fan do Saborea As Pontes un referente no ámbito dos concursos de tapas", destacou a concelleira de turismo, hostalaría, comercio e consumo, Elena López, quen espera que nesta nova edición se poidan superar as cifras do certame de 2018, cando se serviron un total de 29.450 tapas.

As expectativas son boas de cara a acadar este complexo obxectivo, xa que durante a pasada fin de semana foron moitos os veciños e visitantes que decidiron saborear e encher o bandullo con algunha das 29 propostas, nas que predominan sobre todo as carnes, aínda que tamén hai tapas con sabor a mar ou a terra, outras elaboradas con produtos de tempada como as setas, ademais de opcións máis innovadoras e dalgún que outro trampantoxo que non é o que parece ser.

As racións, que teñen ao igual que en anos anteriores un prezo único de 1,50 euros nos 29 locais participantes no Saborea As Pontes, serviranse o xoves, de 19.30 a 23.00 horas, un horario que o venres, sábado e domingo ampliarase tamén á mañá, de 12.00 a 15.00 horas.

Ao igual que nas edicións anteriores, o Saborea As Pontes repartirá dous premios entre todas as propostas do concurso. Unha comisión de valoración oficial, integrada polo cociñerio Antonio Díaz do restaurante Andarubel, e un colaborador de confianza e recoñecido prestixio, serán os encargados de elixir a mellor tapa pontesa, mentres que o xurado popular, a través do seu voto, escollerá a máis valorada polo público.

Todos os clientes que completen o boleto do concurso Saborea As Pontes cun mínimo de oito selos, poderán entrar nun sorteo de nove premios, que estarán valorados en 200 euros cada un deles
Seis poderanse gastar nos negocios que participan nesta undécima edición e os outros tres en calquera establecemento da hostalaría e o comercio local. Os gañadores daranse a coñecer o día 24 de outubro.

Antes diso, ponteses e visitantes poderán seguir saboreando as racións preparadas con mimo por uns hostaleiros que queren seguir presumindo de gastronomía.

As 29 propostas
Carboeiro -- Que bo rollo                                 
A taberna de Pancho -- O segredo de Pancho
O Encanto -- Polo oriental                                
Chaplin -- Rolo de carne recheo
Segunda Cueva -- Tosta galega                    
Bar Rodas -- Salpicón de polbo mixto
Mesón de Pepe -- Os enredos de Ángeles       
Hotel Pontes do Eume -- Xuxo de cecina
Ponte Romana -- Chipi romano                   
A Botellería -- Trotters
DelaPiccola -- Ovos+patacas+xamón             
Centro Social -- Follado de bacallau en salsa
Bar Centro -- Tosta larpeira                               
Mesón O Martínez -- Brocheta vacúa
Cervecería Venus -- Fusión                              
Las Torres -- Albóndigas caseiras
As Campeiras -- Codorniz ao Pedro Ximénez     
Bar Vales -- Iagliata caracola
Excalibur -- O segredo de Excalibur                   
A caseta do parque -- O aperitivo de Tere
A Cepa -- Dúo de salsas                                  
Trastoy 3 -- O valerón do acordeón
Mesón 7 Camiños -- Peppa Pig                        
Cotío -- Cogollos recheos
Bar Calvo -- Cousas da avoa                             
A Lareira -- A esencia
A Fervenza de Somede -- Brocheta A Fervenza 
Hostal Fornos -- Mantido na casa
La Capilla -- Ven, toma, ven

Comentarios