Experiencias entre fogóns top

Deixar os ordenadores pola cociña

O pontés Alberto Lozano tivo a oportunidade de mostrar a súa valía diante do seu pobo nun showcooking con Pepe Solla, en cuxo local traballou. Acaba de aterrar do Zuberoa
 
Alberto Lozano e Pepe Solla no showcooking nas Pontes. EP
photo_camera Alberto Lozano e Pepe Solla no showcooking nas Pontes. EP

Case como un frechazo. Así foi o encontro do pontés Alberto Lozano coa cociña despois de intentalo coa informática. "Fixen un ano, pero enseguida me din conta de que non era o meu e, por casualidade, ocorréuseme meterme nisto", explica Lozano, "aínda que foi a cegas e non o tiña nada claro, funciounoume ben ata agora".

Igual que no caso de Antón Castro, el cursou durante dous anos Xestión en Cociña no compostelán Centro Superior de Hostelería de Galicia e os seus camiños non distan moito entre si. O primeiro periodo de prácticas de Alberto Lozano foi no restaurante Árbore da Veira, da Coruña e portador dunha estrela Michelín dende o ano da súa apertura. "Aí foi cando empecei a ver o que era a cociña de verdade, porque na escola, que é básica para formarse, tan só te fas unha idea", apunta Alberto. Ademais, afirma que "a maiores de aprender a traballar en equipo, tamén te das conta de que hai un negocio detrás e, con iso, empezas a valorar moito máis o produto".

Logo de rematar o seu paso polo CSHG fixo unha parada de medio ano en Casa Solla, de onde destaca o traballo ‘codo con codo’ con Pepe Solla. "Velo na televisión transmite outra apariencia, pero é alguén moi próximo e moi humilde", recorda dun dos seus mestres, ao que acompañou nun showcooking celebrado nas Pontes.

En canto ao futuro, Alberto Lozano ten claro que "en Galicia cada vez hai máis nivel e se pon máis de moda a boa gastronomía"

Agora, despois de cinco meses, acaba de rematar a súa estadía no Zuberoa, en Ugaldetxo, Guipúzcoa. "Ao final, en cada sitio aprendes cousas diferentes, vas sumando experiencias e vaste decantando máis por unha cociña ou pola outra". No seu caso, tira máis o peixe ou a verdura —materias primas coas que traballou máis xunto a Solla—, pero tamén tivo a oportunidade de experimentar coa caza no Zuberoa. 

En canto ao futuro do sector, teno claro: "En Galicia cada vez hai máis nivel e cada vez se pon máis de moda a boa gastronomía", afirma, e insiste en que é unha profesión que precisa de moitas horas. "Hai xente que pensa en facer cociña crendo que é coma Masterchef, pero non ten nada que ver", exemplifica un mozo que xa pensa na súa vindeira parada. 

"Levo uns días na casa e xa estou pensando en marchar", bromea, e indica que Noruega podería ser o seu futuro destino profesional. "É un país que me chama a atención e o que quero é ver moitos sitios", remata este futuro chef pontés. 

Comentarios