Defensa en busca de salvador

O rexedor de Ribeira de Piquín rehabilitou na pandemia o cortín familiar, que se inclúe na rede de micropaisaxes locais. Estas construcións milenarias, que servían para que o oso non se achegase ás abellas, esmorecen e dende Aga loitan para conseguir a súa protección
Imaxe aérea do Cortín do Zarralleiro. EP
photo_camera Imaxe aérea do Cortín do Zarralleiro. EP

Son un patrimonio que esmorece, unha tradición milenaria que naceu para protexer as colmeas dos osos nas zonas de montaña. Pero os cortíns, tamén coñecidos como alvarizas dependendo das zonas, pasaron de ser defensa a buscar quen os salve, porque agora son eles os que están en risco, non de ningún animal pero si do abandono.

O rexedor de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, rehabilitou na pandemia o cortín familiar nun intento de poñer en valor un patrimonio que actualmente se enmarca dentro da rede de micropaisaxes do municipio.

Roberto Fernández Rico: "O cortín é propiedade da miña avoa. Xa tivo colmeas o meu bisavó, daquela eran tradicionais, trobos. Na documentación que teño aparecen referencias de hai 200 anos"

"Na Ribeira había moitos, pero están abandonados e caídos. Todos en desuso. Que siga con actividade, non queda ningún", di o rexedor, que fala dalgún no que, aínda que está sen rehabilitar, as abellas seguen traballando, pero xa en Torviso, no concello limítrofe da Fonsagrada.

"É unha construción que pode chegar a ter mil anos. Potenciáronse na montaña lucense durante séculos. Argumentan que foi a Igrexa a que os construía para protexer as colmeas dos ataques dos osos, pero non tanto polo mel senón pola cera. Daquela non había luz e era un ben moi prezado. Despois foron pasando a un segundo plano e destinándose ao autoconsumo", di Fernández Rico, que recoñece que se interesou pola historia dun tipo de construcións que nalgúns concellos como Ribeira de Piquín estaba a piques de caer no olvido.

Roberto Fernández, xunto ás colmeas. EP
Roberto Fernández, xunto ás colmeas. EP

O Cortín do Zarralleiro, como se presenta na rede de micropaisaxes municipal ou na web de turismo de Terras do Burón, volve estar cheo de vida. Situado no lugar de Ouviaña, na parroquia dos Vaos, conta no seu interior cunhas 40 colmeas para autoconsumo.

"O cortín é propiedade da miña avoa. Xa tivo colmeas o meu bisavó, daquela eran tradicionais, trobos. Meu avó tivo poucas. E o que estamos intentando agora é saber de cando é. Na documentación que teño aparecen referencias de hai 200 anos", di un novo apicultor afeccionado. El e a súa muller, titular da explotación familiar, encárganse dunhas 100 colmeas (a maiores das do cortín teñen outras tres localizacións no concello) que producen uns 800 quilos de mel.

"Na pandemia fixemos un traballo case arqueolóxico que durou uns dous meses. Estaba todo tapado por dentro e por fóra e restaurámolo nós, pouco a pouco. Foi sobre todo limpeza. Era un lugar illado e alí podiamos traballar tranquilos. Fixémolo por amor familiar. Estaba abandonado e deteriorándose", di o rexedor de Ribeira de Piquín, consciente de que a través do seu labor de recuperación o Concello pode contar cun punto de interese patrimonial máis que forma parte da historia viva do municipio.

"Só en Ouviaña había sobre dez cortíns, pero están desaparecendo todos", indica Fernández Rico, mentres fai fincapé en que son estruturas "moi curiosas", "lugares de protección para as colmeas" que falan doutras épocas e "da convivencia das persoas co oso, cando había moito" nas montañas de Lugo e de toda Galicia, pero tamén de Asturias ou de Castela e León, onde os cortíns tamén teñen a súa historia.

Xosé Torres: "Na provincia de Lugo hai unha riqueza enorme, é onde máis hai. Nos montes de Quiroga, O Courel, Os Ancares e parte da Ribeira Sacra hai estas construcións"

Xusto neste ano, dende a Asociación Galega de Apicultura (Aga) están a impulsar un programa de protección para poñelos en valor e dalos a coñecer. En 2018 foron recoñecidos pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.

"Queremos protexer o patrimonio sen prexudicar aos propietarios. É o noso proxecto para este ano e colaboramos con Apatrigal de Galicia para establecer unhas bases. Queremos activar as administracións autonómica, provinciais e locais para que se tomen as medidas necesarias para intentar protexer este patrimonio", indica Xosé Torres, o presidente do colectivo de apicultores galegos, que fala "dun signo da nosa identidade".

En cifras

En Galicia, segundo os datos que manexan en Aga, hai censados 1.300 cortíns ou alvarizas. "Na provincia de Lugo hai unha riqueza enorme, é onde máis hai. Nos montes de Quiroga, O Courel, Os Ancares e parte da Ribeira Sacra hai estas construcións. Hai bastantes reconstruídas con colmeas modernas dentro, pero a maioría están abandonadas e a súa propiedade é dubitativa", di o presidente do colectivo apícola, que está a traballar para ultimar a promoción de tres rutas de apiturismo nos Ancares, no Courel e na Ribeira Sacra para dar a coñecer estas construcións.

Xosé Torres: "Son unha realidade vital na Galicia pasada, moitos pertencían aos conventos, e un reflexo da biodiversidade que había"

"A maioría dos que están rehabilitados é por iniciativa particular", indica o presidente de Aga, que asegura que producir mel nun cortín ou alvariza valoriza o produto. "Ten un valor engadido, unha referencia tradicional", di ao tempo que anima aos apicultores a manter en pé e salvagardar este patrimonio e insta ás administracións a actuar. "Son unha realidade vital na Galicia pasada, moitos pertencían aos conventos, e un reflexo da biodiversidade que había", conclúe.

Comentarios