Unha década de labor ao redor de Avelino Díaz

A asociación Avelino Díaz conmemorou en Meira o seu décimo aniversario cunha Cata Literaria e o anuncio de novos proxectos
                      Á esquerda, carreira popular. Á dereita, Cata Literaria na casa do concello de Meira, co recitado de poemas e a degustación de produtos.
photo_camera Recitado de poemas na Cata Literaria na casa do concello de Meira. C. PÉREZ

A asociación Avelino Díaz xa existía, pero non tiña actividade. Ata que en 2014 Paco Veiga animou a recuperala, aunando nela a colectivos e institucións de Meira e de Riotorto cun obxectivo común, valorizar a figura e a obra do coñecido como Poeta de Meira e loitar para que se lle dedicase un Día das Letras Galegas. Así lembraba a actual presidenta, Ermitas Rodríguez, os inicios dunha entidade que onte festexaba en Meira o seu décimo aniversario cunha Cata Literaria, unha novedosa iniciativa que inaugura os actos deste ano e abre o camiño a novas colaboracións.

Aínda non se acadou ese fin que se quería para 2017, coincidindo co 120 aniversario de Avelino, pero si moitos outros logros, como lembraban tanto Ermitas como un vídeo proxectado no salón de plenos da casa do concello, onde se celebrou o concorrido acto.

Que o colexio de Meira leve o seu nome, a creación do certame de debuxo e poesía ou do roteiro que une o lugar onde naceu, a Órrea (Riotorto), coa casa na que viviu de novo na Pena (Meira), son das propostas máis salientables, xunto co fito de facer posible "ler e escoitar a Avelino", grazas á reedición da obra de Marivel Freire Unha voz comprometida na Galicia emigrante e ao grupo A Quenlla, que musicou varios poemas no disco Na lírica emoción, do que este ano se farán presentacións.

                      Á esquerda, carreira popular. Á dereita, Cata Literaria na casa do concello de Meira, co recitado de poemas e a degustación de produtos.
Degustación de produtos na Cata Literaria na casa do concello de Meira. EP

Algúns destes versos tamén se puideron escoitar onte nas voces de persoas relacionadas coa asociación. Martiño Maseda, Carmen Cociña, Antía López, Silvina Gallo, Rubén Pol, Rut Busto, Xulio Pardo de Neyra, Manuel Celso Matalobos, María García e Toñita Ónega, que se prestaron a recitar versos de Avelino na Cata Literaria promovida co gallo do aniversario e presentada pola técnica de turismo meirega, Yoani Jartín.

E como o propio nome indica, a literatura fusionouse coa gastronomía na que se espera que sexa a primeira de moitas colaboracións entre a asociación Avelino Díaz, Cociña dos Ancares, a IXP Terra do Navia e a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon), todo amparado polo GDR Montes e Vales Orientais.

Os asistentes clausuraron o acto co grupo musical tradicional de Meira e degustando zume ecolóxico de Ribeiregas, viños Dpieiga da adega Sidrón, empanada de zorza de tenreira e tenreira guisada con patacas, pratos que previamente introduciron Cristina Mera e Tania Rancaño, que tamén expuxeron o traballo das entidades.

Asemblea e carreira. A celebración do décimo aniversario non foi o único acto relacionado con Avelino, pois esta semana a asociación que leva o seu nome tamén celebrou a súa asemblea, renovando a directiva. Seguen Ermitas (presidenta), Azucena Gavín (vicepresidenta) e Eloi Treitas (tesoureiro) e entra Paco Veiga (secretario), no canto de Isabel Pin.

Por outra banda, o IES Pedregal de Irimia organizou a súa III Carreira Solidaria Unhas Letras para Avelino, coa que se reivindica a dedicatoria das Letras Galegas para o poeta e na que cada participante achega un quilo de comida que se doa a Cáritas de Meira.

undefined
Carreira popular. EP

A proba, aberta a toda comunidade educativa e á que se podía acudir disfrazado, contou coa participación dunhas 150 persoas, entre elas por primeira vez o IES Fonmiñá da Pastoriza, e incluíu unha andaina e premios aos mellores de cada categoría.

Comentarios