Debuxos con contido social

O mozo vilalbés Pablo del Valle agóchase detrás de Le Magic Mayimba, unha páxina na que amosa coloridas ilustracións que buscan mover conciencias e espertar ilusións

Pablo del Valle, con algúns dos seus deseños. EP
photo_camera Pablo del Valle, con algúns dos seus deseños. EP

Le Magic Mayimba é o seudónimo de Pablo del Valle, un mozo vilalbés que traballa como mestre de música, pero que nos seus anacos de tempo libre deixa voar a imaxinación para crear coloridas ilustracións que buscan mover conciencias e espertar ilusións.

"Un amigo, Rubén Veiga, propúxome facer uns debuxos para ilustrar o documental 'Un paseo pola vida', de Seres Producciones. A idea era facer un deseño con casas de Xermade e cun fondo de cores. Creo que ao final por un problema de formato non o utilizaron, pero a raíz de aí seguín debuxando con esa mesma idea", conta Pablo, que sempre tivo inquedanzas pola arte e estivo a piques de matricularse en Belas Artes, aínda que ao final se decantou polas melodías.

"Empecei retratando xente africana. Quería transmitir coas cores unha mensaxe en contra do racismo. Trasladar á xente que a cor dá igual, o que importa é a persoa", reflexiona o vilalbés, que a partir de aí foi "abrindo o abano e debuxando animais ou lugares que foxen coñecidos".

En Instagram, onde xa se puxeron en contacto con el para mercarlle os seus singulares deseños, suma uns 4.000 seareiros

Para construír esas fermosas imaxes multicor utiliza "unha tableta que vai conectada a un ordenador". "Despois debuxo cun lapis dixital, como os que hai nos bancos para firmar", explica, recoñecendo que as súas ferramentas non son nin moito menos profesionais, senón "máis ben de andar por casas".

Unha vez que confecciona no ordenador esas imaxes con contido social, sóbeas ás redes sociais. "En Facebook levo menos tempo, pero en Instagram xa teño uns 4.000 seareiros", di orgulloso Pablo, quen de momento só se toma esta actividade como un divertimento.

E iso que xa se puxeron en contacto con el para interesarse por si vendía os seus traballos. "Escribíronme rusos e ingleses", conta entre risas, mentres indica que de momento "non me plantexo vivir disto, aínda que nunca se sabe, á xente chámalle moito a atención e funciona ben".

O que si lle gustaría é poder ilustrar algún libro e mesmo facer unha exposición cos seus traballos. "Estaría ben, hai moita xente que me anima. De momento on teño moitos impresos, pero de facelo gustaríame que fose en gran tamaño", conclúe.

Comentarios