martes. 25.02.2020 |
El tiempo
martes. 25.02.2020
El tiempo

David Saavedra: "O sector das TIC está medrando en Galicia, pero queda por mellorar"

David Saavedra. EP
David Saavedra. EP
O chairego, que acaba de converterse no vicedecano do recén creado Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, fala dunha nova entidade que pretende supor un impulso para uns profesionais que, pese a ser claves no mundo da información e das comunicación, non son excesivamente recoñecidos

Despois de case cinco anos de traballos conseguiuse un fito coa creación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (Coettga) e o chairego David Saavedra, membro da Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación (Aggett), é o seu vicedecano. 

Que significa a creación do colexio?

É un punto de inflexión para o colectivo e vai supor un impulso tanto nas relacións entre colexiados galegos como na defensa da nosa profesión. Dende o Coitt (Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación) fíxose un bo traballo no referente á defensa das nosas atribucións profesionais pero é certo que a nivel galego non se estaba a facer un seguimento axeitado das demandas do colectivo. Coa creación da demarcación preténdese resolver esta necesidade e dar unha maior visibilidade das nosas capacidades.  Ademais, teremos unha sede en Santiago, coa que se van axilizar certos trámites e tamén dotar de novos servizos para os colexiados galegos. 

Galicia convértese na oitava demarcación do Coitt. Con cantos membros conta o novo colexio? 

Representamos a uns 2.000 profesionais, dos cales oito formamos a xunta directiva; actualmente contamos cun potencial de entre 80 e 100 novos colexiados anuais. Cremos que a creación da demarcación vai impulsar a colexiación, motivado pola idea de acercar o colexio á universidade, aos organismos públicos e ás empresas.

Empeza como vicedecano, como o afronta a nivel persoal?

A partir de agora toca falar como representante dun colectivo e sempre vai ser unha gran responsabilidade. Pero creo que cos compañeiros que teño dentro da directiva seremos capaces de sacar adiante os nosos obxectivos.

E cales son?

A curto prazo son claros: acondicionar a sede para que sexa o punto de referencia de tódolos colexiados, a defensa da profesión, impulsalas relacións cos diversos actores como a Escola de Telecomunicación de Vigo, a administración pública e as empresas galegas, atender as demandas formativas do sector e facilitar o libre exercicio dos nosos colexiados. 

E o maior reto? 

Que tódolos enxeñeiros vexan o colexio como seu, onde se atendan tódalas demandas e onde as relacións fomenten novas ideas.

Vivimos pegados a internet e ao móbil. Pero coñécese a figura do enxeñeiro de telecomunicación?

Dámoslle moita importancia dende a xunta directiva. A sociedade non ten coñecemento nin está a valorar as nosas capacidades como se fai cun arquitecto, industrial ou médico. É algo que ten que cambiar e no que temos que traballar. Na época da información e das comunicacións, o noso perfil é moi necesario e serao máis no futuro.

Intelixencia artificial, robótica, xa é máis real que ciencia ficción?

Cada vez se están a conseguir máis logros nos que a realidade parece que supera a ficción, pero a realidade é que nos falta moito por recorrer para chegar aos niveis dos filmes ou dos libros. Seguramente coa chegada do 5G e a aparición dos vehículos autónomos nas rúas, teremos unha sensación maior de que se compren certas ideas do que hoxe consideramos ciencia ficción.

Máquinas fronte a humanos. Onde está o límite? 

Estamos nunha época na que as máquinas xa están a facer unha gran cantidade de traballos rutineiros. Nos próximos anos, veremos máquinas facendo tarefas cada vez máis complexas e substituíndo moitos dos traballos tradicionais. Isto non se debe considerar como un problema senón coma unha oportunidade, ademais moitos servizos que facemos as persoas son moi complicados de substituír, como coidar dun neno ou exercer de mestre. Quizais o límite sexa que as máquinas nunca van ser capaces de tomar decisións coa mesma calidade e coherencia dunha persoa.

Que lugar ocupa Galicia no mundo das telecomunicacións?

O sector TIC en Galicia non ten a día de hoxe a importancia que pode ter o téxtil ou a automoción. De todas formas, somos referentes en certas tecnoloxías como pode ser a TDT. A maior parte das empresas galegas do sector son Pemes que están a destacar en certos ámbitos como a ciberseguridade, análise de datos, comunicación e protocolos. O importante non é a situación actual senón o que poden supor as telecomunicacións nun futuro. Creo que coa chegada do 5G, na que Galicia xa é pioneira, a evolución do machine learning, big data, blockchain, os drons... estase a presentar unha gran oportunidade para crear un ecosistema no que poder impulsar a economía e o emprego.

Dende a Aggett organizaron dous congresos de drons. 

Fixemos dúas edicións do DIC (Drone International Congress) e puidemos coñecer da man de expertos e empresas que os drons son unha ferramenta que permite facilitar moitas das necesidades actuais do mercado e que van cubrir novas demandas. Xa son unha realidade, aínda que ata o de agora só son capaces de realizar traballos puntuais en agricultura, seguridade, inspeccións... en parte limitados pola autonomía das baterías. Antes de que nos demos conta, logo de adaptar a regulación e no momento en que se consideren adecuados certos niveis de seguridade, conviviremos de forma completa cos vehículos non tripulados, non só aéreos, tamén terrestres e marítimos.

Que opina de Rozas?

Dende a Xunta hai unha aposta forte para o desenvolvemento de novas aplicacións co uso dos drons e é certo que nos teñen envexa fóra de Galicia polo potencial que se pode chegar a ter debido ás capacidades coas que se está a dotar ao aeródromo de Rozas (dende o Inta) no eido da certificación de aeronaves. O verdadeiro potencial non está no UAV en si, senón en toda a tecnoloxía que se necesita para dotar de autonomía e capacidades estes drons. Ogallá sexamos quen de crear ese tecido empresarial que poida innovar nesta tecnoloxía e sobre todo, sería importante que unha parte quede en Lugo.

Como ve o sector? Faltan profesionais?

O sector das TIC en Galicia está medrando no que respecta ao PIB e tamén no número de profesionais. Queda moito por mellorar. En Lugo, non temos ningunha gran empresa TIC e a maior parte do sector está no eixo atlántico. Seguramente veremos un maior peso nos próximos anos. Na nosa comunidade hai unha importante demanda de profesionais das TIC e a maior parte dos recén titulados atopan traballo no momento de rematar, ademais todo indica que a demanda de profesionais seguirá a medrar e Galicia non vai quedar atrás.

"A Terra Chá é unha terra por descubrir a todos os niveis: turístico, paisaxístico e patrimonial"
Cal é o mellor invento?
Os smartphones, permitíronnos a todos acceder á información. 
Que lle gustaría facer dende o seu móbil que aínda non se pode?
Unificar os aparellos que usamos a diario e que fose capaz de facer tódalas tarefas dun ordenador.
Unha tecnoloxía de interese?
Todo o referente á intelixencia artificial e ao ‘machine learning’.
O maior medo que provoca? 
Que nos quite dereitos e vivamos nunha sociedade controlada.
Que pensa das redes sociais? 
Permiten abrirse ao mundo pero hai que ter coidado. Intento expoñerme o xusto e usalas para propósitos construtivos.
Un enxeñeiro de telecomunicación debe ter I+D+i no seu ADN?
Si, sobre todo innovación.
Debe usar cada novidade ou pode seguir lendo libros en papel?
Sempre fun e son de libro de papel aínda que me gusta aproveitar os beneficios das novidades.
Natural de Castro de Rei, estudou na Pastoriza e alí é membro da asociación cultural A Chaínza. O mellor da Terra Chá?
É unha terra por descubrir a todos os niveis: turístico, paisaxístico e patrimonial; como de oportunidades de emprendemento no rural.
Un lugar que recomenda?
A Praia da Riboira de Baltar sen deixar de visitar o castro de Saa.
Un grupo no Festival da Chaira?  
Manu Chao sería un soño. 

David Saavedra: "O sector das TIC está medrando en Galicia, pero...
Comentarios