En primeira persoa

"A xente tira de todo, desde lavadoras ata radiadores"

Chámome David Corredoira, teño 27 anos e son da parroquia vilalbesa de San Cosme de Nete. A miña profesión é ser celador no Hula e a miña paixón, coidar o noso contorno. O 16 de abril levaremos a cabo unha acción de limpeza de vertedoiros ilegais na miña terra 
David Corredoira, nunha das accións de limpeza de Coidemos Lugo. EP
photo_camera David Corredoira, nunha das accións de limpeza de Coidemos Lugo. EP

O 16 de abril promoven a acción Coidemos Vilalba, en que vai consistir?

Levaremos a cabo unha acción de limpeza de vertedoiros ilegais na miña parroquia, San Cosme de Nete. Actuaremos de 17.00 a 19.00 horas e animo a toda a xente a unirse.

Por que decidiron actuar nesta zona e que hai que facer para poder participar?

A idea de vir a Nete foi grazas a miña nai que un día paseando descubriu varios vertedoiros ilegais pola parroquia e deciciu subir as fotos ás redes sociais. A partir de aí o movemento Coidemos Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete puxéronse mans á obra e organizaron esta actividade. Para participar os interesados poden chamar ao teléfono 626.50.55.23.

Eu sumeime desde a primeira acción, na que eramos unhas 25 persoas, e agora xa se contan por centos

Como xurdiu a iniciativa veciñal Coidemos Lugo?

O xerme do movemento foi en agosto do 2020 durante un paseo guiado do turismólogo lucense Guido Guía polo barrio do Carme. Visitando ese contorno descubriron un vertedoiro ilegal e diversos actos vandálicos que destrozaran muros centenarios. Indignados por este panorama, compartiron nas redes esta situación e convocaron á sociedade a unirse para crear un movemento que contrarrestase este tipo de actos. Ao pouco sumouse o breoganista Salva Arco e logo celebrouse a primeira acción que reuniu decenas de voluntarios.

É un dos primeiros que formou parte do proxecto. Satisfeito co que medrou en pouco tempo?

Estamos moi contentos, somos xa unha gran familia. Eu sumeime desde a primeira acción, na que eramos unhas 25 persoas, e agora xa se contan por centos.

Hai desde deportistas ata xente doutras nacionalidades...

Efectivamente hai xente de todos os ámbitos, idades e nacionalidades, todos unidos para facer un labor impagable coidando a natureza e recollendo os desperdicios que día tras día e incomprensiblemente atopamos por todos os lados.

Que foi o máis raro que atoparon tirado?

Ui, poderíache dicir que atopamos de todo! Recollemos desde lavadoras ata radiadores, a xente tira de todo por todos os lados, por desgraza.

É a primeira vez que saímos da capital lucense e que sexa na miña zona é todo un orgullo

A xente debería de estar máis concienciada en coidar o planeta?

Moito máis, desde Coidamos Lugo facemos actividades de concienciación ambiental en colexios para sensibilizar a poboación desde as primeiras etapas do importante que é respectar o noso patrimonio e o amor pola natureza.

Vive con especial emoción esta acción porque se vai desenvolver na súa terra? 

A verdade é que si, todas son especiais pero esta moito máis porque é na miña parroquia. De feito é a primeira vez que saímos da capital lucense e que sexa na miña zona é todo un orgullo.

Teñen previsto levar a cabo máis accións pola comarca chairega?

Pois non o planeamos aínda pero supoño que si, onde faga falta alí estaremos.

Comentarios