Cemiterio dos Vilares: dar a coñecer para ser exemplo

A presentación do estudo de Raúl Río sobre as lápidas en galego do cemiterio dos Vilares serviu para sensibilizar sobre unha práctica pouco estendida e reivindicar o uso do idioma
Percorrido, da man de Raúl Río (cos papeis na man), polo cemiterio dos Vilares para ver as lápidas con lendas en galego. C.PÉREZ
photo_camera Percorrido, da man de Raúl Río (cos papeis na man), polo cemiterio dos Vilares para ver as lápidas con lendas en galego. C.PÉREZ

Contra a inercia do "sempre se fixo así" e os tabús que rodean "a morte" e o "uso culto do idioma en ámbitos populares" loitan xornadas coma a que se viviu este domingo na centenaria escola habaneira da Conchada –pensouse en facelo na igrexa pero, como lembrou o párroco Alejandro Pión, non foi posible pola rehabilitación das pinturas murais– e no cemiterio parroquial dos Vilares, onde se buscou sensibilizar sobre a importancia de empregar o idioma que se fala tamén á hora de despedir unha persoa querida.

E non é que os veciños e as veciñas desta parroquia non o usen, senón máis ben todo o contrario. 25 dos seus 251 panteóns teñen unha ou todas as lápidas en galego, segundo dixo Raúl Río, que presentaba un estudo sobre a presenza do idioma nos nichos do camposanto. Dito así, poderían parecer poucas, mais ese 10% sitúa o cemiterio vilarego coma un dos máis destacados da provincia.

Río, no acto organizado por Lareira de Soños, repasou os panteóns e as motivacións, en moitos casos por decisión da familia, un feito que, segundo destacaba o mestre Bernardo Penabade, impulsor do Modelo Burela e quen se percatou da particularidade do cemiterio dos Vilares e animou a Raúl a facer o traballo, ben merece "unha homenaxe pola valentía".

Mais algúns deses parentes presentes defenderon como lóxica a decisión tomada. "A pena é que isto sexa noticia, tería que ser normal", indicaba unha, e outra sumábase, "é o que falamos".

"A anormalidade é que se fale un idioma e se use outro para dicir adeus aos seres queridos", defendíase sobre unha práctica que tamén responde a encomendas do propio defunto. Foi o caso de Xacinto Río, finado en 1993 e que pediu a lenda en galego e que se plantasen castiñeiros na súa memoria no canto de poñerlle flores; ou de José Pardiñas, que deixou elixido, antes de morrer en 2009, o que quería que puxese a súa lápida: "Vivín e amei á miña maneira, mais non me fun do mesmo xeito". E nos asistentes tamén había quen o tiña claro: "Eu quero que poña: 'Aquí están os meus osos agardando polos vosos'", dicía un veciño, facendo súas as palabras que se poden ler na entrada do cemiterio begontés de Trobo.

Río avalou o peso do IES Poeta Díaz Castro e de Xermolos nalgunhas decisións, ao que o crego Alfonso Blanco respondeu que a "influencia depende de onde caia a semente", destacando o "amor ás raíces" da veciñanza dos Vilares, "que se nota tamén nisto", e animando a "seguir cultivando e transmitindo».

Nesa liña, Penabade incidiu na visibilización, para a que son fundamentais xornadas coma a dos Vilares e así "outra xente faga o mesmo e axudar a normalizar o idioma", e deixou dúas preguntas no aire: "Que resultados haberá nas parroquias colindantes?" e "a partir de agora, que?". Está en cada quen o darlles resposta.

Comentarios