jueves. 27.01.2022 |
El tiempo
jueves. 27.01.2022
El tiempo

Daniel Veiga Roca: "Como todas as bandas, estamos nun momento de resurrección"

Naceu entre notas, partituras e instrumentos e iso marcou, sen sabelo, o seu destino. Criado nunha familia chea de músicos, vén de pechar un curioso círculo ao coller con ilusión a batuta da agrupación vilalbesa, a mesma que hai tres décadas fundou o seu tío avó Pepe Guntín. 

Leva a música no corazón e nos xenes, grazas ao seu avó e a Pepe Guntín, fundador da banda de Vilalba e do que é sobriño neto. Daniel Veiga Roca, músico e profesor, acaba de facerse cargo, aos seus 32 anos, da dirección da agrupación coa ilusión de facer medrar co seu traballo unha entidade que é "un emblema" do concello.

Daniel Veiga Roca. EPComo se iniciou na música?
A música é unha cousa que comezas sen saber cómo nin por qué, e máis cando na túa casa é algo tan natural. O meu primeiro contacto foi co meu avó, que estaba en todas as agrupacións que podía. Lembro ir con el da man facendo os pasarrúas coa murga. Ademais, meu tío avó, Pepe Guntín, foi o fundador da banda, en cuxa escola empecei cuns oito anos.

Cando se decidiu a dar o salto a nivel profesional?
No típico punto de inflexión que se dá no instituto, cando tes que decidir a qué te queres dedicar. Xente próxima e profesores animáronme a dedicarme profesionalmente e foi cando empecei a facer estudos reglados no conservatorio de Vilalba, despois no profesional de Santiago e na Escola de Altos Estudos Musicais. Finalicei no Conservatorio Superior de Zaragoza, onde vivín uns dez anos, e tamén fixen varios másters en Portugal e Sevilla. 

Finalizou os estudos con matrícula de honra en clarinete. Por que escolleu este instrumento?
Pois é unha historia bastante curiosa. Na escola da banda chegou o momento de escoller un instrumento. Meu avó explicoume todas as opcións que había e dixo: "de clarinete dá clase teu primo". E eu pensei, voume con el, que seguro que me trata ben (ri), sen saber o que era nin coñecer a meu primo. E co clarinete foi amor a primeira vista, nin unha crise de querer cambialo tiven. Creo que foi unha boa decisión. Despois souben que meu avó tamén o tocara.

Renunciei con moita pena ao posto de director da banda de Cedeira, pero sentín a chamada do pobo

Músico, profesor e agora director. Tiña experiencia coa batuta?
Estiven traballando en Cedeira coa banda seis meses, dende principios de ano ata que me ofreceron coller a de Vilalba. Era a primeira vez co cargo de director musical dunha agrupación e foi unha experiencia moi boa. Atopeime moi ben, tratáronme moi ben e tiña moi boa conexión coa banda. Tocáronnos uns meses difíciles, pero fomos sacando o proxecto adiante e culminámolo cuns concertos. Renunciei con moita pena, porque me atopaba moi a gusto alí, pero sentín a chamada do pobo.

Como xurdiu o seu nomeamento de director da banda de Vilalba?
Houbo moitos condicionantes. O primeiro, que levaba moito tempo vivindo fóra e en 2019 volvín como substituto de profesor en conservatorios da Xunta. O segundo, que César (Concheiro) levaba un ciclo moi longo e tanto para el como para nós era o momento dun cambio, de novas ideas e el descansar un pouco. E logo o terceiro foi o feito de eu estarme iniciando neste mundo. A experiencia de Cedeira abriu a lata de que meu nome estivera enriba da mesa. E pareceume unha oportunidade moi boa para desenvolver o meu traballo na miña vila.

Como recibiu a proposta?
Foi unha decisión difícil. Ser director de banda vai máis alá de dirixir. Ten que haber un ‘feeling’ cos músicos, que iso aquí téñoo, pero hai ese medo de que as cousas vaian ben. Pero o feito de que meu tío avó fora o fundador da banda ten un factor sentimental importante.

Que obxectivos ten?
Que as cousas que estaban funcionando sigan facéndoo e, a nivel de actuacións, seguir na mesma liña de traballo. O que si vexo importante é lograr a máxima implicación da xente no proxecto, que esta familia siga medrando e que sexamos o máis autosuficientes posible, que non precisemos apoios externos para instrumentos puntualmente.

Recolle o testigo de César Concheiro, que levaba máis de 25 anos no cargo. Que lle di a súa figura?
Sempre foi unha figura moi conciliadora, que aportou musicalmente ao proxecto, un bo músico e unha boa persoa que se implicou e se involucrou con todos nós a todos os niveis. Foi un máis da banda e iso fixo que o seu ciclo fora tan longo. Só teño palabras de agradecemento para el, por ensinar esa elegancia e forma correcta de traballar. Espero estar á altura.

César Concheiro é un bo músico e unha boa persoa, que se involocrou a todos os niveis. Iso fixo que o seu ciclo fora tan longo

Que cre que supón a banda para Vilalba?
É un estandarte, un emblema, parte de Vilalba. Pensas na Semana Santa ou no San Ramón e imaxinas a banda desde hai moitos anos. É unha tradición. Temos a sorte de que o Concello e as institucións apoian á banda e podemos manter este proxecto, que é de vital importancia para a vila.

Acaba de cumprir os 30 anos. Que balance fai vostede, que leva nela máis de 20, desta traxectoria?
Pasou por fases que dependen moito das persoas. Hai momentos que está máis nutrida, outros de baixón... Pero sempre soubo manterse de cara ao público cuns mínimos para ofrecer concertos e actuacións de calidade. Por iso queremos ofrecer algo atractivo para que a xente queira seguir participando das actividades que propoñemos. 

Como lles afectou a pandemia?
Despois de pasar por algo tan crudo, estar vivo celébrase. Estamos nun punto de resurrección, como todas as bandas. A pandemia supuxo meses sen xuntarnos, fai que a xente se desvincule... Estamos nun punto de renacer, de volver retomar, de reorganizar o grupo. O confinamento e estar sen xuntarse fixo que se valoren máis as actividades, socializar... Iso pode ser unha oportunidade para volver con máis forza.

Cales son os próximos plans?
En principio, o concerto de Nadal de todos os anos e en 2022 esperamos un calendario habitual de actuacións.

Que cre que pensaría Pepe Guntín ao ver a banda agora?
Creo que estaría moi orgulloso e feliz de ver que o proxecto continúa e que medrou nestes 30 anos.

Que recordo ten do seu tío avó?
Un moi nítido, de estar sentando con el ao piano e ensinarme as primeiras notas. Para nós era un xogo. O gusto e amor pola música aprendino del e de meu avó. Todo iso que me transmitiron quedou para sempre.

"Unha actuación especial foi o día no que César nos deixou a batuta"
Un recordo coa banda.
Son moitos, pero quédome co día que me dixeron que ía tocar o meu primeiro concerto. César achegouse a min nun ensaio e díxome que tocaría no San Ramón. Por como o tomei nese momento e llo dixen aos meus pais ao chegar á casa, sen dúbida é o máis bonito.

Unha actuación.
Unha actuación especial foi o día que César nos permitiu a algúns membros da banda coller a batuta e dirixir cada un unha peza e eu fíxeno con En un mercado persa. Foi a miña primeira experiencia cunha batuta na man e neste momento recórdoa con cariño.

Unha canción.
Máis que cunha canción, vou quedar co último movemento da sinfonía número 2 ‘Resurrección’ de Gustav Mahler. Penso que neste momento postpandémico ten moito sentido.

Un instrumento.
O clarinete, sen dubidar, pero outro dos meus favoritos e a viola. Ten menos visibilidade pero por timbre e sonoridade gústame moito.

Podería escoller entre ser músico ou profesor?
Eu son unha persoa moi inqueda e a idea que teño na miña vida é buscar un equilibrio. Para min sería moi duro dedicarme só á docencia ou só á interpretación. Necesito as dúas e incluso hai veces que non me chega, por iso agora estou coa dirección. Teño que estar buscando cousas que facer para buscar o equilibro. Necesito un pouco de todo. 

Compón?
De momento non compoño, pero estoume iniciando nese mundo facendo arranxos de pezas musicais. No concerto de Nadal estrearei dous.

Pensou algunha vez en dirixir?
Si. Tiven algunha experiencia nalgún ensaio e era algo que me gustaba, pero esperei que a oportunidade fora natural e a un momento no que sentín que tiña algo que aportar.

Un músico.
Dende sempre tiven como referentes a música de moitos instrumentos e estilos distintos, sería moi inxusto para todos nomear só a un.

Unha afección.
Debería ter algunha, é o recomendable, pero teño que recoñecer que non o fago ben (ri). A música apaixóname tanto, gústame tanto e quero aprender tanto que non atopo tempo para dedicarllo a outra cousa.

Daniel Veiga Roca: "Como todas as bandas, estamos nun momento de...
Comentarios