En primeira persoa

Daniel Pérez: "Ía coa miña avoa vender os queixos á feira a Vilalba"

Nacín e crieime na parroquia de San Simón, en Vilalba, onde meus pais fundaron en 1992 a queixería Daniberto (Daniel e Alberto) para que meu irmán e eu tivesemos un futuro aquí. Presido dende 2007 o Consello Regulador da DOP San Simón da Costa
Daniel Pérez. EP
photo_camera Daniel Pérez. EP

O día 27 recollerán o premio E para Comer, Lugo á Gastronomía na terceira edición dos galardóns que concede o Consello Provincial de Turismo á excelencia do turismo e da gastronomía na provincia, que supón esta distinción?

É un orgullo. Estamos moi contentos, porque implica que a xente valora o que facemos.

Levan un cantos premios, queda algún galardón que non teñan?

Pois non recordo (ri). Non se trata de conseguir premios, pero para nós son positivos, porque lle dan visibilidade ao queixo e supón, neste mundo convulso no que vivimos, unha maneira de ver valorado o noso traballo. Indican que fas ben as cousas e axudan a que cada día nos coñeza máis xente.

Os premios danlle visibilidade ao queixo e son unha maneira de ver valorado o noso traballo"

Que obxectivos ten o Consello Regulador a curto prazo?

Seguir crecendo e dando a coñecer o San Simón internacionalmente, un mercado que agora supón ao redor do 10% das nosas vendas. E seguir traballando para que nos coñeza a xente, porque somos unha DO pequena. Esta mesma fin de semana estivemos dúas queixerías en Zamora, na Feira Internacional do Queixo Fromago, e foi un éxito.

Que meta lles gustaría acadar como queixeiros?

Isto é un modo de vida, así que temos que loitar por que cada día se nos recoñeza máis e seguir sendo unidos, seguir crecendo e aumentar os nichos de mercado.

Queremos seguir crecendo e dando a coñecer o San Simón internacionalmente"

Como lles foi coa pandemia?

Baixaron moito as vendas, porque nós vendemos moito á hostelería, por exemplo. Agora retomamos o crecemento, o ano pasado xa recuperamos e neste mantéñense os números, pese a suba dos custos, coma o leite ou a enerxía. No consello non están só os queixeiros, tamén as ganderías, que hai que coidalas, porque é unha parte moi importante da nosa cadea. E tamén hai que ter en conta os transportistas e os traballadores. As queixerías xeran uns 40 postos de traballo directos, non é unha grande industria, pero supón crear emprego en Vilalba.

Quen lle ensinou a facer queixos?

Aprendín con miña avoa Carmen e con meus pais, Fernando e Brígida. Pero ter unha queixería non é só facer queixos, tamén hai que vender e cobrar.

Unha das receitas que máis me gusta son as tostas con tomate, cun pouquiño de allo, queixo San Simón e polbo" 

Cal é o seu primeiro recordo relacionado co queixo?

Ir con miña avoa a Vilalba á feira, alá polos anos 80, antes de que se creasen as queixerías. Ela facía dous queixos cada día e ía con eles á feira e a min levábame sempre con ela. E se se vendía, sempre había un regaliño. De aí vén a miña ilusión por isto, meus pais apostaron pola queixería para que nós poidésemos traballar aquí e non tivesemos que emigrar, e de momento lográrono. Somos os dous socios e unhas seis ou sete pesoas máis.

O queixo, só ou acompañado?

Isto é coma a vida, como queira un en cada momento.

Unha receita de San Simón?

A min unha das que máis me gusta son as tostas con tomate, cun pouquiño de allo, queixo de San Simón e polbo. Pero hai moitas opcións que tamén están boas: raxo ao San Simón, escalopines ao San Simón, etc.

Comentarios