O curso de verán de Guitiriz arranca con éxito no número de matriculados

O seminario de Xeodiversidade e Paisaxe da USC trata nesta edición sobre a litoloxía en Galicia
undefined
photo_camera Mesa inaugural do curso de verán de Xeodiversidade e Paisaxe. T. FORJA

A Casa Habanera de Guitiriz inaugurou o mércores o curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre Xeodiversidade e Paisaxe. O seminario, que vai na súa décimo terceira edición e que tivo que suspenderse o ano pasado por mor da pandemia, logrou alcanzar os 46 participantes, tendo que aumentar o aforo inicial previsto.

Na súa inauguración participaron Roxelio Pérez, director do seminario; Julia Melgar, secretaria do curso; Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo; Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción de Turismo de Galicia, e Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo.

Esta edición céntrase na litoloxía, unha temática que atraeu aos participantes que están dende o mércores ata o venres na Casa Habanera de Guitiriz. ''Contabamos con moi pouca xente este ano pola situación sanitaria, polo que estamos moi sorprendidos da boa acollida que tivo o curso'', sinalaba no acto inaugural o director do seminario, Roxelio Pérez.

Sorpresa que tamén agradou á rexedora guitiricense, Marisol Morandeira, que mostrou a súa intención de que esta iniciativa ''siga celebrándose no concello nas vindeiras edicións''.

Durante os relatorios do seminario abordaranse cuestións como a xeoloxía, a cultura da pedra ou o xeoturismo, entre outros. Ademais, tamén se realizarán proxeccións audiovisuais.

Esta iniciativa axuda a achegar a universidade á cidadanía e aos concellos ''traballando a prol de garantir o acceso universal á educación'', salientaba Pilar García Porto.

O turismo tamén foi unha das temáticas tratadas na presentación do seminario, onde Carmen Pita Urgoiti aproveitou para falar da necesidade de fomentar o turismo de proximidade. ''Guitiriz e Galicia son lugares seguros para visitar'', asegurou.

O curso rematará o venres co roteiro Guitiriz: Pedra, Auga e Astronomía, onde os asistentes poderán desfrutar das paisaxes do concello. Aínda que, como sinalaba Roxelio Pérez, o curso de verán conseguiu ser ''unha paisaxe máis entre as paisaxes de Guitiriz''.

Programación: A pedra como protagonista
A conferencia inaugural correu a cargo de Francisco Díaz Fierros e tratou o antropoceno. Logo foi o turno de Belén Rubio Armesto, que abordou a evolución paleoclimática. Por último, interviu Francisco Canosa para falar sobre o Xeoparque de Cabo Ortegal.

Segunda xornada

Participan Francisco Javier López, Laura Vázquez, Felipe Senén e Belén Díaz que tratarán o turismo xeomineiro, a xeometría natural e mineral, a cultura da pedra en Galicia e a emoción e motivación da pedagoxía da xeoloxía, respectivamente.

Últimos relatorios

Para poñer o peche a esta décimo terceira edición do curso, Roxelio Pérez tratará a xeoloxía e solos na arte pictórica da paisaxe, Yolanda Pérez abordará os discursos ecoloxistas e a arte contemporánea e Rosa Meijide realizará a ponencia de clausura do seminario na que falará sobre as augas mineromedicianais e termais.

Comentarios