Cultureume impulsa un audiovisual para poñer en valor o Camiño dos Arrieiros

O proxecto, que financia a Deputación da Coruña, busca "salvagardar o patrimonio"
Cruz da Fonte Vella, no camiño. EP
photo_camera Cruz da Fonte Vella, no camiño. EP

A empresa pontesa Cultureume impulsa un proxecto audiovisual co que pretende poñer en valor e "salvagardar o patrimonio cultural e inmaterial" do Camiño dos Arrieiros, unha vía de comercio milenario duns 50 quilómetros que unía As Pontes coa costa de Bares.

"Solicitamos unha axuda ao programa da Deputación da Coruña destinado a entidades lucrativas para a produción de proxectos singulares de especial interese cultural na provincia", explica Xosé María López, de Cultureume, que indica que o ente provincial lles concedeu unha subvención de 5.660 euros para financiar gran parte do proxecto.

"Estamos preparando o guion e toda a documentación para empezar canto antes coa parte de gravación, para a que contrataremos unha produtora", explica Xosé María López, que indica que o proxecto final terá unha duración estimada de 30 minutos.

O traballo, ademais de imaxes do propio camiño e dos elementos patrimoniais que se atopan nunha ruta que atravesa tres concellos -As Pontes, Ortigueira e Mañón-, incluirá entrevistas con persoas maiores da zona para falar de lendas e de tradicións.

"O Camiño dos Arrieiros cada vez se coñece máis, pero é necesario implementar un plan de posta en valor para sinalizalo e aumentar o coñecemento e a promoción desta vía"

"O noso obxectivo é promocionar o camiño pero tamén recuperar e inmortalizar o patrimonio material e inmaterial", indican dende Cultureume, unha das entidades involucradas na mesa de traballo, xunto ao GDR Seitura 22, aos concellos das Pontes, Ortigueira e Mañón e a outros moitos colectivos, que presentará a candidatura do Camiño dos Arrieiros na Red de Caminos Naturales do Ministerio de Agricultura.

O proxecto audiovisual, unha vez rematado, difundirase a través de internet e proxectarase, se a situación sanitaria o permite, nos tres concellos polos que pasa esta vía milenaria.

"O Camiño dos Arrieiros cada vez se coñece máis, pero é necesario implementar un plan de posta en valor para sinalizalo e aumentar o coñecemento e a promoción desta vía para a rendibilidade socioeconómica do territorio Eume-Ortegal", explican.

Comentarios