A cultura urbana e os máis pequenos protagonizan o III Urban Witiricus

O Campo da Feira de Guitiriz albergou obradoiros de grafitis e de parkour, ademais de música, unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo e os premios do certame de creación de Pardiñas
Un momento do festival de arte urbana. S.IGLESIA
photo_camera Un momento do festival de arte urbana. S.IGLESIA

A arte urbana e os nenos foron os protagonistas da terceira edición do Urban Witiricus que se incluíu no programa de actos do Festival de Pardiñas que este ano soprou as súas 41 candeas dun xeito especial, achegándose a todas as parroquias do concello de Guitiriz.

O Urban Witiricus celebrouse nun Campo da Feira guitiricense que, co avance da tarde, máis se foi enchendo de curiosos atraídos pola música e o cheiro a sprai que trouxo consigo Diego Anido, do colectivo Otro Prisma de Lugo, quen achegou aos máis novos a arte do grafiti. Foron varios os pequenos que se atreveron co bote, dando cor a un mural no que se ilustrou a palabra Pardiñas.

"Este obradoiro é para que os nenos coñezan o bote e a técnica e, sobre todo, para que o pasen ben", dicía Anido, un artista que acudiu a todas as edicións do Witiricus. "O que máis lles chama a atención é o rápido que vai isto", engadía este mozo que comezou a pintar "auténtico grafiti" con 13 anos.

Ademais, ao longo da semana, membros de Otro Prisma plasmarán ao carón da Casa Habanera outro mural "moi grande", tal e como avanzaba Alfonso Blanco, o coordinador de Xermolos, entidade na que nacen tantas iniciativas como o Festival de Pardiñas ou o propio Urban Witiricus.

Bancos, beirarrúas e todo tipo de obstáculos serviron para que o lucense Alexander Becilla exhibira a disciplina do parkour a uns atentos pequenos, pero tamén maiores, impresionados pola destreza e os saltos mortais, Aínda que para comezar, Alexander ensinoulles aos máis novos "el gato, el pasavallas, el ladrón, presis, salto de longitud...", pasos "básicos" que numera de seguido.

Máis tarde, a compañía Muu fixo as delicias do público co espectáculo de malabares, animación e humor de Crunch!, que deixou paso á entrega de premios do XLI Certame Terra Chá de literatura e debuxo infantil, que galardoou 82 traballos que foron expostos. Os encargados de outorgar os agasallos foron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; os escritores Margarita Ledo e Mero Iglesias, e o escultor Valdi, ante numerosos asistentes chegados desde todos os puntos de Galicia, tanto mestres de diversos colexios, como nais e pais de localidades como Chantada, Xanceda ou Narón.

Precisamente, de toda a comunidade chegaron as improvisacións de rap de alumnos que se reuniron para cantar e gravar as súas pezas, algunhas das cales foron exhibidas, como as creacións de 15 pequenos de 5º B do Ceip Lagostelle ou o proxecto dos rapaces de 2º da Eso do IES Poeta Díaz Castro, Pardiñas no foco.

A música puxo o broche de ouro a un festival que foi 'in crescendo', da man de nenos e nenas rapeiros e o guitiricense David Gómez Japo, que presentou o seu novo traballo, Ausencias. Tamén colleron o micrófono a baixista de Nuada, Pelenuka; o grupo de MC"s galegos e canarios, Yimi You Rek, e Dj Losi, o encargado de pechar este Urban Witiricus.

HOMENAXES. Na xornada tamén houbo un recordo especial para Isaac Díaz Pardo, con motivo do centenario do nacemento deste ilustre, que asistiu a non poucas actividades de Xermolos. Foi a través das palabras de Margarita Ledo e do propio Alfonso Blanco.

Este domingo, na Casa Habanera a partir das 19.00 horas, será a quenda de honrar a Ricardo Carvalho Calero coa presentación do libro Carballo Calero en Lugo. Don Ricardo de Fingoi, de Xulio Xiz. Desde Xermolos agardan homenaxear proximamente ao escritor, ao que se lle adicaron as Letras Galegas deste ano. A el se lle debe "ter descuberto a Xosé María Díaz Castro na literatura galega", di o responsable do colectivo guitiricense, pois Carvalho Calero "era quen convidaba aos seus alumnos a que leran Nimbos".

OUTRAS ACTIVIDADES. O XLI Festival de Pardiñas remata a vindeira fin de semana co recoñecemento aos artesáns de Pardiñas, na Casa das Artes a partir das 19.00 horas. Haberá presentación do caderno O canteiro de Pardiñas, de Ramón Villar, e das obras Palleta maldita, de Sito Carracedo, e Ferreñas e Rock and Roll, de Laura Romero.

O broche do sábado será o concerto de MJ Pérez ás 21.00 horas, cuxas entradas, limitadas, terán un prezo de dous euros. Xa se poden adquirir no pub Soa, no Xoldra, no Gaibor e na libraría Castaño.

Comentarios