Cultura destina 200.000 euros a novas actuacións en Viladonga este verán

Román Rodríguez facendo unha foto na súa visita ao castro de Viladonga. C. PÉREZ

Román Rodríguez visitou o castro e avalou a posta en valor dunha "das grandes xoias patrimoniais"

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitu este mércores o Museo do Castro de Viladonga, onde adiantou a adxudicación dunha nova actuación, dotada cun orzamento de 200.000 euros e que está previsto que se leve a cabo durante o verán.

Rodríguez cualificou o xacemento de Castro de Rei coma "unha das grandes xoias patrimoniais de Galicia", polo que resulta vital contribuír á súa posta en valor para que siga a ser "un referente cultural, educativo e tamén turístico". Así, detallou que as novas intervencións se levarán a cabo na zona norleste da croa e tamén na muralla.

Rubén Álvarez, do servizo de arqueloxía da consellería, concretou que se intervirá na chamada casa grande e na zona á dereita da entrada á croa, onde xa se escavara nos 70, e nun tramo das dúas murallas e nos dous fosos perimetrais, investigada en 1987.

A este respecto, a directora do Museo do Castro deViladonga, Elena Varela, explicou que dende 2015 se fan campañas continuas de consolidación e reescavacións, co fin de completar a posta en valor da croa e mellorar os accesos. Varela lembrou que o xacemento ten catro hectáreas, das que a croa supón a metade. "Só está escavado un 30%, polo que é importante seguir para reconstruír a historia do castro e o seu contexto".

Rodríguez percorreu Viladonga da man dos técnicos da consellería e acompañado polo delegado da Xunta en Lugo e polo alcalde de Castro de Rei.