Cuestión de bolos

Máis dun cento de persoas participaron no restaurante A Nova Ruta de Vilalba na clausura da liga provincial de bolos, na que participan Ribatra, O Cadaval, Arcasco-Carballal, Xove, Cruceiro de Meilán e Santalla
Cea da Liga Provincial de Bolos. C.PÉREZ
photo_camera Cea da Liga Provincial de Bolos. C.PÉREZ

Máis dun cento de persoas, entre xogadores, familiares, autoridades e amigos, déronse cita no restaurante vilalbés A Nova Ruta para celebrar a tradicional cea de clausura da Liga Provincial de Bolos do ano 2019. Está previsto que a vindeira tempada dea comezo en marzo de 2020.

O club de bolos O Cadaval de Pacios, en Castro de Rei, que suma unha vintena de xogadores —os mesmos que Arcasco-Carballal (Riotorto-Meira) o outro club da zona— foi o encargado de organizar este evento itinerante, que vai rotando entre os seis equipos que participan na tempada regular. Ademais do Cadaval e de Arcasco-Carballal, están os clubs de bolos Xove, Cruceiro de Meilán (Riotorto) e Ribatra (Ribadeo, Barreiros e Trabada), e o Club de Xogos Populares e Tradicionais de Santalla. Todos eles recibiron un agasallo pola súa contribución á conservación deste deporte tradicional, no que se compite nas modalidades de en liña, celta e canteiro.

"Esperamos que esta modalidade de bolos, que é a nosa e é única, sexa transmitida as novas xeracións, ese é o desexo para o vindeiro ano e esperamos poder logralo coa axuda de todos vós e das administracións", salientou o presidente da Federación Galega de Bolos, Isidro Costa, unha petición que tivo unha moi boa acollida entre todas as autoridades presentes, que comprometeron a súa axuda para que os bolos poidan ter continuidade.

Á cea acudiu a alcaldesa de Barreiros, Ana Belén Hermida, que desculpou a presenza do deputado provincial de deportes, Efrén Castro, e salientou a importancia de seguir traballando a prol do deporte tradicional e o labor dos clubs "a nivel organizativo e social", que ademais axudan "a crear vínculos de veciñanza entre concellos" a facer medrar as aldeas e as vilas.

Tamén estivo presente a secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, quen felicitou a todos os gañadores polo seu bo facer, animou á xuventude a perpetuar a práctica e tivo un agradecemento especial para Mario Saavedra, "a alma máter deste acto e da consolidación dos xogos populares".

Saavedra, presidente do Cadaval, foi o mestre de cerimonias do acto, ao que tamén se sumaron os alcaldes de Castro de Rei, Francisco Balado; A Pontenova, Darío Campos; e Xove, Demetrio Salgueiro; así coma o accidental de Meira, Agustín Méndez; e os edís Francisco Martínez (A Pontenova), Jorge Díaz (Ribadeo), José Luis Lorido e Manolo Pacio (Riotorto) e Cristina Iglesia (Xove), encargados da entrega de premios.

Por equipos, dominaron Xove, Cruceiro de Meilán e Ribatra na absoluta; Ribatra, Xove e Arcasco-Carballal en veteranos; e Xove, Cruceiro de Meilán e O Cadaval na categoría feminina.

Jesús Fernández (Ribatra), Pedro López (O Cadaval) e José María González (Xove) foron os mellores en superveteranos. Marcelino Rodríguez (Xove), e Jesús Barcia e Guillermo Fernández (Ribatra) dominaron en veteranos e, en sénior, subiron ao podio Carlos Javier Rodríguez , Francisco Ramón Pérez e Sócrates Campo, todos de Xove. As súas compañeiras Julia López, Belén Meitín e María del Carmen Roca dominaron a categoría feminina, mentres que todos os xuvenís recibiron premio, destacando a boa tempada de Noé Goyos, Javier Alonso e Iria Goyos.

Comentarios