Cruz Vermella: unha man amiga no camiño

A delegación en Vilalba conta cun posto de primeiros auxilios que dá atención aos peregrinos que fan a ruta norte
Posto de primeiros auxilios da Cruz Vermella en Vilalba. EP
photo_camera Posto de primeiros auxilios da Cruz Vermella en Vilalba. EP

Centos e centos de quilómetros despois de emprender o Camiño, os peregrinos topan en Vilalba cunha especie de anxos da garda en forma de técnicos e voluntarios da Cruz Vermella sempre dispostos a botar unha man a quen o precise.

Desde maio de 2021, as instalacións que a asemblea ten no polígono industrial da capital chairega contan no seu exterior cun posto de primeiros auxilios que funcionará ata o remate deste ano Xacobeo, orientado a unha primeira atención daqueles camiñantes que sofren algún tipo de indisposición, feridas provocadas polos largos traxectos percorridos, doenzas relacionadas con dores musculares e mesmo picaduras.

O servizo ofrece unha primeira atención aos camiñantes que sofren algún tipo de indisposición, feridas, dores ou picaduras

Despois de máis dun ano en funcionamento —aínda que foi inaugurado no pasado mes de novembro polo delegado da Xunta, o xerente da área sanitaria de Lugo e a alcaldesa de Vilalba, entre outras autoridades—, as cifras de pacientes atendidos dan boa conta do labor que desempeñan desde Cruz Vermella de Vilalba. "Los días que menos personas recibimos hablamos de unas cinco o seis intervenciones, pero hay otros muchos días de 20 o 25 pacientes", cifra o coordinador da asemblea vilalbesa, Carlos Cea, quen augura que nestes vindeiros meses o volume de asistencias verase notablemente incrementado, pola chegada do verán e a suba de peregrinos que fan o Camiño Norte, unha ruta que "de unos años para aquí creció exponencialmente", engade desde o seu posto, á beira do itinerario e a carón do albergue público. 

A demanda é alta, e hai días que chegan a atender ata 20 ou 25 pacientes

As instalacións, que consisten nun contedor cedido pola empresa Tecnorenova equipado co material e os utensilios sanitarios aportados por Cruz Vermella, están situadas no exterior "porque con el covid me preocupaba que entrara en el edificio principal mucha gente de paso, a la que es difícil rastrear en caso de que salte un positivo", explica Carlos Cea, polo que "hablé con Alberto de Tecnorenova, le expliqué la situación y nos entregó el contenedor; le estamos muy agradecidos", di, por ceder un emprazamento que ofrece numerosas facilidades, especialmente para aqueles que chegan con equipaxe ou animais.

Punto de atención da Cruz Vermella. EP
Punto de atención da Cruz Vermella. EP

Esta unidade de primeiros auxilios, desde onde tamén levan atendidos transportistas que escollen o polígono para facer as súas paradas obrigatorias e se ven afectados por algunha molestia ou doenza que non revisten gravidade, é a única que hai na variante norte ao seu paso por Galicia. O boca a boca e as valoracións tan positivas que coleccionan en páxinas e foros do Camiño fan que moitos opten por realizar uns cantos quilómetros máis; saben que alí, nada máis chegar, vai haber quen os cure.

"El otro día recibimos un correo de un hombre cuya hija venía haciendo el Camino y traía ampollas y nos preguntó si la podríamos atender, y eso que aún les faltaban varios kilómetros para llegar aquí", relata Cea dos centos de anécdotas que recompilan ao longo de extensas xornadas nas que, recoñecen, "también lo pasamos bien".

A unidade instalaada no polígono vilalbés, moi preto do albergue público, é a única que hai na variante Norte ao seu paso por Galicia

Alemáns, chineses, franceses, estadounidenses, italianos e de todos os puntos de España son algúns dos que pasan por un centro nacido para ofrecer unha man amiga no Camiño e que, ademais, alivia a carga de traballo no centro de saúde e no PAC de Vilalba e facilita a experiencia do peregrino que se hospeda no albergue público —o ambulatorio atópase a dous quilómetros do polígono—.

O seu papel na ruta xacobea non se reduce só a facer curas e aliviar dores e picaduras, senón que tamén realizan rondas diarias co seu vehículo por algúns tramos do itinerario, "por si algún caminante necesita ayuda in situ y vigilar que todo esté correcto", puntualiza Cea.