sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Crónica negra na toponimia pontesa

O asentamento industrial de Cruz das Cabezas reflicte no seu nome de forma literal unha imaxe cruenta da historia local  

Hai nomes de lugares que inspiran, outros que sitúan, uns que falan de oficios ou de natureza e outros que aínda son un misterio. Pero hai topónimos que esconden unha crónica negra detrás de cada letra, aínda que na actualidade, como sucede con moitos cruceiros, a súa historia sexa descoñecida para moitos.

Ilustración da historia de Cruz das Cabezas. JOSÉ MARÍA LÓPEZ

O nome de Cruz das Cabezas, ese asentamento industrial que se atopa na estrada antiga que vai das Pontes a Lugo, procede do tempo da primeira Guerra Carlista, cando entre os anos 1833 e 1840 España disputaba o seu propio xogo de tronos tras a morte do rei Fernando VII. Nun bando, os carlistas loitaban na defensa do seu irmán, o infante Carlos María Isidro. No outro, os isabelinos defendían o dereito de sucesión da súa filla Isabel.

Naquela época convulsa os enfrontamentos eran continuos, tamén nas Pontes, onde como noutros moitos lugares, existían bandoleiros que aproveitaban a confusión para buscar os seus botíns. Foi aí cando xurdiu un nome que aínda pervive, a partir dunha imaxe que, lenda ou realidade, quedou gravado no rueiro local de forma literal.

"Dous bandoleiros carlistas foron decapitados no devandito lugar, xunto ao camiño de Rábade a Ferrol, e colgáronlles as cabezas nos brazos dunha cruz alí improvisada para escarmento dos que formaban estas bandas a fin de que non entrasen na vila das Pontes", explica Enrique Rivera Rouco, o que foi cronista oficial da vila, nun audio que aínda se garda na radio municipal.

"Estes guerrilleiros e bandas paralelas que baixo a apariencia carlista eran guerrillas de ladróns denominábanse latrofacciosos, nas Pontes fouciosos, segundo a tradición popular que recordan os maiores", continúa relatando neses audios que conservan a historia viva na súa voz.

"O noso pobo foi liberal co influxo das propagandas das tertulias de Juana de Vega, na Coruña, e do capitán de Ferrol, Enrique de Borbón, parente e pretendente de Isabel II. Aparte do mal recordo que tiñan do absolutismo e das tropelías carlistas. Conta a tradición das Pontes que eses bandoleiros con disfraces de carlistas axexaban o noso pobo entrando polo Paraño e pola Mourela. Non viñan do lado de Ferrol nin da Coruña porque alí dominaban os partidarios de Isabel, do bando contrario", indica Rivera Rouco, mentres explica que se organizaron piquetes de defensa para facelos fuxir.

"Cansos destas loitas e co fin de asustalos, os ponteses fixéronlles fronte e decapitaron dous e colgáronlles as cabezas nunha cruz para exposición, por escarmento e para amedrentar aos que viñan para que non volvesen máis. Parece ser que foi medida eficaz para que non volvesen", di.

E dende esa solución "radical", "en lexítima defensa", segundo defende Rivera Rouco, ese monte quedou bautizado como Cruz das Cabezas. Daquelo hoxe só quedan os audios do antigo cronista da vila, varios artigos publicados e un gravado de José María López, presidente da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado.

No lugar, unhas das tres áreas industriais que existe nas Pontes xunto ás de Saa e da Balsa e na que se asentan máis de media ducia de empresas, non hai nin sinal.

TOPONIMIA CHAIREGA (98)

Crónica negra na toponimia pontesa
Comentarios