"Á hora de propagarse un incendio, ten máis peso a ausencia de xestión que a especie"

Ten o "privilexio" de poder traballar do que lle gusta nun momento no que moitos compañeiros se viron obrigados a coller as maletas ► A vilalbesa forma parte dun grupo de investigación da USC e acaba de recibir un premio a nivel estatal pola súa tese

Cristina Eimil. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Cristina Eimil. VICTORIA RODRÍGUEZ

A SOCIEDADE ESPAÑOLA de Ciencias do Solo premiou a súa tese doutoral como a mellor de España na súa especialidade. Pero non é o único galardón que recibiu a investigadora Cristina Eimil. Que significa este premio?
É unha maneira de poñer en valor e de recoñecer todo o traballo de investigación que hai detrás dunha tese doutoral. Trátase dun premio a nivel nacional que ten uns criterios de avaliación moi esixentes. Á parte de obter a cualificación de Sobresaliente Cum Laude na tese, valoran a relevancia científica da investigación e dos resultados.

En 2011 a Real Academia Galega de Ciencias outorgoulle un Premio de Promoción de Mozos Investigadores. Dá forzas para traballar?
Por suposto. Cando traballas no que che gusta e aínda por riba premian o teu traballo é moi gratificante. Recárgache as pilas para seguir investigando e querer saber o porqué de máis e máis cousas.

A investigación está valorada?
Hoxe en día é pouco coñecida e creo que non importa gran cousa, quizais porque é difícil valorar o que non se ve ou o que non se comprende. Un dos problemas é que nos esixen publicar os traballos de investigación en revistas internacionais moi prestixiosas, que á parte de estar en inglés, non toda a sociedade ten acceso a elas.

Faltan fondos ou máis persoal?
Claramente fondos. Aos gobernos non lles interesa a ciencia nin a investigación, proba diso é a falta dun apropiado financiamento público. As universidades supoñen un elevado porcentaxe de investigación en España e a maioría necesitan ser melloradas porque teñen graves deficiencias. A maioría dos investigadores deben iniciarse con estancias postdoutorais no estranxeiro para mellorar a súa formación pero logo atopan moitas dificultades para reincorporarse en institucións españolas.

Aos gobernos non lles interesa a ciencia nin a investigación, proba delo é a falta dun apropiado financiamento público

Forma parte dun grupo de investigación da USC. Moitos compañeiros tiveron que marchar?
Desgraciadamente a maioría dos meus compañeiros tiveron que buscar traballo fóra e moitos dos que quedaron non están a traballar como enxeñeiros. E a algúns investigadores non lles puideron renovar o contrato porque non hai cartos, non se inviste en investigación. É unha pena porque hai xente moi ben formada que podería aportar moitos avances e está a buscar traballo no que pode.

Que traballo realiza na USC?
Traballo baixo a dirección do catedrático Roque Rodríguez Soalleiro en dous proxectos. Un europeo (LIFE Lugo+Biodinámico), no que traballamos no desenvolvemento de actividades demostrativas relacionadas con silvicultura urbana e biomasa, o establecemento dun souto e un arboretum no parque empresarial das Gándaras. O outro é nacional (Biomasa para a Bioeconomía) e ten como obxectivo proporcionar diferentes opcións de produción de biomasa no sector agroforestal, contribuíndo ao desenvolvemento rural a través da produción dun recurso básico, facilitar un cambio no modelo de produción de enerxía e axudar a minimizar os efectos do cambio climático. En ambos realizo tarefas de campo, laboratorio, tratamento de datos e elaboración de informes. Ademais, continúo investigando sobre a presenza de aluminio no solo en plantacións adultas de ‘Pinus pinaster’.

O protagonista da súa tese. Que destacaría do traballo?
Constitúe unha aportación relevante ao estudo de solos forestais e a súa influencia sobre o estado nutricional e produtividade de plantacións de ‘Pinus pinaster’. A tese pretende mellorar o entendemento da relación entre parámetros ecofisiolóxicos e edáficos que determinan o crecemento desta especie e a súa dispoñibilidade para adaptarse. Ademais, aporta criterios e modelos predictivos que melloran a toma de decisións e a optimización de sistemas de xestión forestal en solos ácidos. E información innovadora sobre o aluminio do solo.

Queda moito por saber de xestión forestal?
O problema está en que moitas veces non se aplica o que se sabe. Nalgúns casos hai unha falta de deixadez por parte dos propietarios, que fan unha plantación e esquécense dela. Outros non se informan e pensan que calquera especie se pode plantar en calquera lugar e despois veñen os problemas. Moitos dos nosos traballos de investigación non chegan aos propietarios forestais e serían moi útiles. Pero sempre se pode pedir axuda ou facer consultas.

Deben regularse as novas plantacións de piñeiros e eucaliptos?
Non só as de piñeiros e eucaliptos, precisamos dunha ordenación do sector en base a criterios de sustentabilidade ambiental e económica e diversificación de especies e produtos. Tamén é moi importante aplicar de xeito efectivo a lexislación vixente, que se cumpra o xa establecido en materia de distancias, aproveitamento ou conservación ambiental.

Moitos advirten de que estas especies favorecen os incendios. A sociedade está sensibilizada ou pesa máis a produtividade económica?
Pesa máis a produtividade económica e grazas aos piñeiros e eucaliptos moitas familias foron facendo fronte á crise. Estas especies non favorecen os incendios, está demostrado que á hora de propagarse, ten maior peso a ausencia de planificación e xestión do monte que a especie afectada. É certo que o eucalipto é unha especie que xera con facilidade focos secundarios, sen embargo danse máis incendios polas copas das árbores en piñeiros. Debemos facer fincapé na xestión do combustible forestal para ter estruturas de masa máis preparadas en caso de verse afectadas por incendios.

O elevado número de propietarios en Galicia dificulta a xestión? E o abandono do rural?
A xestión do sistema forestal galego é moi complexa e o abandono rural non axuda. O número de propietarios, tampouco, pero se todos puxeran da súa parte sería todo moito máis doado e conseguiríase unha xestión máis eficiente.

"As receitas da miña nai e as xuntanzas cos meus pais e irmáns en Vilalba son sagradas"

Vive en Lugo, pero é natural de Vilalba. Regresa sempre que pode?
A casiña é a casiña. As receitas de miña nai e as xuntanzas cos meus pais e irmáns son sagradas.

Que é o mellor de Vilalba?
A súa tranquilidade, a paisaxe, as festas e a gastronomía.

Sempre tivo claro que quería ser enxeñeira de montes?
Non o tiña claro, pero foi probar e encantoume tanto que me sinto afortunada de selo e privilexiada por traballar no que quero.

Se non traballase aquí, sería...?
Non sei o que sería, pero creo que calquera cousa que estivera relacionada coa natureza.

Unha árbore? Coa que se sinta máis identificada ou a que máis lle guste?
O piñeiro, que me acompaña nos último anos.

Unha afección?
Viaxar e viaxar.

Reciclaxe de papel, hai que impulsala?
Por suposto que si, precísanse moitísimas árbores para fabricar todo o papel que utilizamos.

Un soño?
Poder seguir traballando no que me gusta.

Que proxectos ten en mente?
Seguir traballando como investigadora, e as opcións de futuro non só dependen de min. Se non se inviste en investigación, España perderá unha elevada porcentaxe de investigadores.

Comentarios