Cristian Caruncho: "Pardiñas é unha festa moi do país pero moderna"

Son un rapaz de Vidueiros que sempre debuxou. A Pardiñas levo indo dende os 13 anos a vender fanzines nunha esquina que me seguen gardando a día de hoxe. Sempre me trataron xenial e teño unha relación moi emocional con este festival.
Cristian Caruncho deseñou o cartel do XLIII Festival de Pardiñas e as camisolas. EP
photo_camera Cristian Caruncho deseñou o cartel do XLIII Festival de Pardiñas e as camisolas. EP

É vostede o artífice das camisetas do XLIII Festival de Pardiñas, que busca representar neste deseño?
Para min o que máis destaca de Pardiñas é o interxeracional que é, un festival no que conviven todas as xeracións moi ben. En Pardiñas podes atopar xente maior tocando con rapazas novas ou incluso nenos, avós paseando coas súas netas e xente nova que está de festa. É o que busquei plasmar tanto nas camisetas como no cartel, as diferentes clases de persoas que se xuntan nunha festa moi do país e ao mesmo tempo moderna.

E no cartel?
Tamén ilustrei o cruce entre xeracións pero ademais engadín a feira de artesanía, que é para min do máis importante do festival. Aproveitei para meter artesáns que van case todos os anos, como Laia Zapateiros ou Fusaiola, e personaxes asiduas como Alfonso de Xermolos e Mero, entre outros.

Fai un par de anos tamén deseñou a campaña gráfica do Festival de Ortigueira, ten preferencia por este tipo de traballos?
O que fago realmente son cómics pero é certo que sempre me gustou moito o mundo da cartelería e o musical. O encargo de Ortigueira foi un traballo moi especial e Pardiñas tamén, porque son os dous festivais que máis vivo. Poderiamos dicir que si, que me tira bastante o mundo da música. 

Deseño da camisola en negro de Cristian Caruncho. EP
Deseño da camisola en negro de Cristian Caruncho. EP

Hai algunha relación entre o cartel de Ortigueira e o de Pardiñas?
Si, hai algunhas conexións. Por exemplo, o señor maior que aparece no de Pardiñas é parecido ao de Ortigueira para unilos dalgunha maneira. Vendo os dous carteis xuntos pode entenderse esa conexión pero por separado cada un representa a esencia do festival que anuncia. 

Hai influencia dos cómics na súa cartelería?
Supoño que si, porque ao final o meu estilo de debuxo é de cómic, mesturado con un pouco de manga e a inspiración en debuxantes galegos como David Rubín ou Emma Ríos. É unha mestura do que me gusta, polo que o cómic non pode faltar, ademais da narrativa que me gusta incluír nos carteis.

Agora mesmo está traballando nalgún proxecto?
Estou traballando nun libro ilustrado en colaboración coa escritora María Canosa. A obra está na súa recta final e sairá nos últimos meses deste ano,chámase ‘Saínza a Punkiereteira’, unha nena pandeireteira medio punki. 

Que se pode esperar deste último traballo?
É o primeiro álbum ilustrado que fago e vai ter influencias do cómic, o debuxo vai ter moito peso. Traballamos sobre todo o empoderamento dunha nena por ser muller e por ademais ser do rural. O que buscamos é derrubar prexuízos e darlle vida ás nosas aldeas. 

Cartel da XLIII edición do Festival de Pardiñas. EP
Cartel da XLIII edición do Festival de Pardiñas. EP

E a longo prazo, algún soño a nivel profesional?
Vivir da ilustración. Este ano que entra vou estudar un mestrado para seguir formándome. Pero á súa vez teño un par de obras longas que quero seguir creando no universo Rego Torto. Sería facer unha obra longa cos fanzines que vendía cando empecei a ir a Pardiñas. 

Comentarios