O crego Campo Freire: "De neno, en Roca, acolliamos a moitos que viñan dos cárceres andando pola N-VI"

A casa da cultura de Vilalba acolleu a presentación de 'Ganduxando vidas', unha homenaxe ao cura Xaquín de Roca, quen aos seus 80 anos segue a levar dúas parroquias ferrolás, Mandiá e Marmancón

 

 

Xaquín de Roca, ao pé do río Magdalena. EP
photo_camera Xaquín de Roca, ao pé do río Magdalena. EP

MOI ACTIVO EN grupos de acción pastoral, social e cultural —Irimia, Romaxes, Encrucillada, asociacións de veciños, Pastoral Penitenciaria a nivel nacional, etc—, o guitiricense Xaquín de Roca, Xaquín Orlando Campo Freire, reside en Narón, "onde estudo, como e pernocto", dende onde "vivo movéndome moito". O vernes tocou Vilalba, para presentar a obra dedicada a el, impulsada polo colectivo Ganduxando Vidas e editada por Xermolos.

Que é Ganduxando vidas?
Ganduxar, 'hilvanar' en castelán, é coser provisoriamente con puntadas longas para emparellar algo e que non se desaxuguen os elementos dos que se debe consolidar a unión. Logo, ese 'fío vano', desaparece. O traballo do educador é ir creando vencellos entre persoas e grupos que faciliten a transformación do mundo e das persoas. Logo desaparecer. Xesús fixo iso, crear un gran movemento de unión con Deus e cos demais para cambiar o mundo desde o amor: "Seredes os meus discípulos se vos amades". Iso é ganduxar vidas: crear condicións para amarnos.

Eu nacín na igrexa. Son bautizado. Todo o demais son circunstancias

Como o fai sentir esta homenaxe?
Se celebramos a vida de todos os que nestes 80 anos fomos enchendo de vida as vidas e situacións reais, entón ben. A moitos nunca lles celebraron nin agradeceron o seu amor e entrega, e teñen máis méritos. Todas as mulleres que deron a vida de calquera maneira, quen llela agradece? Se a homenaxe é para recoñecer a todas as persoas, daquela vale a pena. O outro é premiar a un figurón.

Que o levou cara a igrexa?
Eu nacín na igrexa. Son bautizado. Todo o demais son circunstancias. Os meus pais eran máis igrexa ca min, creron e crearon máis vida ca min. Os meus veciños de Roca e de todas as parroquias foron os verdadeiros discípulos de Xesús. Eu fun aprendendo deles.

Un profesor meu de Roma escribiu: Da dor e do sufrimento sempre nos están a falar os que non pasaron por el. Daquela, de que nos vale o que nos din?"

Ademais de Teoloxía, estudou Enfermería ou Xerontoloxía, por que quixo probar sorte na sanidade?
Os meus estudos débollos á xente. Para responder con algo de calidade e calidez tes de estar sempre preparándote. Cando acabas a universidade só levas unha preparación básica para achegarte á vida. Cando foron deixando a transhumancia chegaron nunha noite case 200 xitanos á parroquia de Piñeiros (Narón), que eu levaba. Para atender ese asentamento fixen Enfermería. Foi unha experiencia moi rica, ata que veu a droga e esfarelou todo. Mágoa! Fixen tamén un mestrado universitario en Pastoral Penitenciaria, coa tesiña Aprendendo a acompañar soidades nas prisións; un posgrao en Humanización, con Ese que ves no cárcere é o meu irmán, e en Roma fixen Pastoral da Saúde coa tesiña A viuvez na Galiza, pero a verdadeira universidade é a vida de cada un. Un profesor meu de Roma escribiu: "Da dor e do sufrimento sempre nos están a falar os que non pasaron por el. Daquela, de que nos vale o que nos din?"

É compatible a ciencia médica coa relixión?
"A verdade faravos libres", dixo Xesús. Non hai que terlle medo á verdade. A verdade é unha. Nós somos buscadores da verdade, veña de onde veña. A percepción da verdade é evolutiva. Pero sexamos sinceros e auténticos na busca. Se a verdade vén de fóra dos meus círculos segue sendo verdade. Son eu quen teño que cambiar. A vida é un continuo cambio. Nunca hai verdades absolutas. Hai fanatismos. E hai preguizas.

O problema de calquera igrexa é o clericalismo monopolizador e mesmo de calquera grupo, as burocracias

Dada a súa traxectoria, a tarefa dun cura debe ir máis alá da misa e da atención espiritual?
E que non hai diferenza. Se a misa non acolle e celebra a vida real é unha ficción. E se logo na vida real non se traduce nos feitos, transformando a vida real de cada día, entón a fe e o amor que celebrei é unha ficción, unha mentira, unha pamplina, unha dicotomía esquizofrénica.

As vocacións sacerdotais van a menos e hai parroquias case sen actividade, que habería que cambiar para reverter esta situación?
"Non hai vida cristiá sen comunidade". O problema de calquera igrexa é o clericalismo monopolizador e mesmo de calquera grupo, as burocracias. "Os aparatos" esclerosan. Está a pasar na política, nos sindicatos, etc. Por que a vida familiar se renova? Porque son protagonistas responsabeis da súa propia aventura, incluídas as crises. Cando claudican de si mesmos, daquela entran os sucedáneos: reformatorios, protección de menores, etc. Son remedios para un mal de raíz. Non me preocupa o clero, pero si a creación e mobilización de auténticas comunidades humanas. Galiza quere povo, é o titulo dun libro.

En que consiste o seu labor no centro penitenciario de Teixeiro ?
Pórse ao lado do irmán ou da irmá con moita humildade e amor, sen etiquetar a ninguén. Os funcionarios tamén son cárcere. As familias, as vítimas, todo o sistema xudicial e as súas persoas son cárcere. As barriadas son cárcere e a sociedade somos cárcere. Os políticos están moi lonxe. Non se chega a todo, pero esa é a responsabilidade e o campo de traballo.

Gusto da psicoloxía, da socioloxía, da antropoloxía filosófica. Son un contemplativo da existencia

Canto tempo leva e como foi que comezou?
No cárcere, edificio penitenciario, semanalmente, nove anos. Fun ver un fregués e xa seguín. Dálle sentido á miña xubilación e axúdame a socializar a miña pensión, que me estades a pagar entre todos para non ser un preguizoso. Pero xa de neno, en Roca, acolliamos na casa a moitos que viñan dos cárceres andando pola N-VI, mortos de frío, fame e sede e os pillaba a noite. Ata Baamonde xa non había casas e se viñan cara á Coruña eramos a primeira. Moitos eran toliños da guerra que pouco a pouco foron morrendo perdidos. Un drama dolorosísimo. Os 'atorrantes', coñecidos coa palabra polisémica de orixe arxentina: vagabundos, sen teito, con trastornos de personalidade... Xa no franquismo quixen ir, pero vetáronme por seren presos políticos.

Tamén escribe con regularidade, que hai que deixar por escrito?
Intento ir plasmando as realidades humanas. Gusto da psicoloxía, da socioloxía, da antropoloxía filosófica. Son un contemplativo da existencia. Como lle dixo o Raposo ao Principiño: "Só se ve ben co corazón. O esencial é invisíbel para os ollos da cara".

Penso que debo darlle utilidade social á miña pensión traballando pola humanidade

Pensa na xubilación?
Agora son pensionista. Penso que debo darlle utilidade social á miña pensión traballando pola humanidade. Ese é o sentido de sermos xubilados. Segundo van fallando as forzas vas cambiando as dedicacións. Cando toque parar xa veremos como se segue.

Se mira atrás, cambiaría algo?
Sobre todo cambiaría o que fixen mal ou aquilo no que manquei a dignidade de alguén. Pero tamén hai que aprender a aceptar os propios límites. Crerse ou verse moi perfecto leva ao endeusamento e non sei o que é peor.


DE PRETO: "Se non fose cura seguramente sería un pasábel esposo e pai de familia e un bo veciño"

Un é de onde nace ou de onde pace?
As orixes marcan moito. Pero hai que saber ser e estar no aquí e agora da vida en cada intre.

Quen é Xaquín de Roca?
Un home, galego e crente que a vida o fixo ser home, galego e crente.

Unha persoa da Igrexa que sexa un referente?
Xesús de Nazaré, Xoán XXIII, Pepe Chao Rego.

E outra relacionada coa sanidade á quen admire?
Paulino Pérez-Mendaña.

Un libro de cabeceira?
A vida de cada día, á noite, pasada polo Evanxeo.

Un labor social imprescindible para vostede é...
"Se non teño amor, nada son".

De non ser cura sería...
Un home galego. Seguramente un pasábel esposo e pai de familia e un bo veciño.

Que lle queda por facer?
A vida que me resta para darlle sentido.

Comentarios