En primeira persoa

"Fixen a canle de Youtube para explicar este mundo dos cogomelos"

Son José Luis Cuba Crespo, nacín en Cazás (Xermade), crieime en Mugardos e levo nove anos vivindo en Ortigueira, onde o día 18, ás 19.30 no Teatro da Beneficencia, presento a miña primeira obra, a guía 'Cogomelos da comarca de Ortegal’. Son músico, profesión da que naceu a miña afección pola micoloxía.
Luis Cuba, coa guía, na Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes. C.PÉREZ
photo_camera Luis Cuba, coa guía, na Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes. C.PÉREZ

Como xorde a guía?

Vin que tiña moitas fotos e pensei, por que non organizar e, con datos, facer un libriño para min, a modo de consulta? Pero a cousa púxose seria e a xente de Terras de Ortegal ofreceume facer unha revista de 16 páxinas que ao final acabaron sendo 166, con información de máis de 100 cogomelos, receitas, un glosario cos nomes en galego... É unha guía de peto, de xoguete, pero a min faime moita ilusión porque é a miña primeira obra. E xa estou empezando outra, máis seria, co dobre de páxinas, sen présa, porque tamén estou volcado noutras cousas coma os cursos, as charlas ou a canle de Youtube.

Certo, agora é youtuber. Como foi que lle deu por crear Luis Cuba y la micología?

Publicaba fotos de cogomelos no Facebook e a rapazada da orquestra na que estou, a Principal, díxome: "A ver, abuelo —chámanme así—, porque non fas un Instagram ou unha canle de Youtube?". Creeino polas posibilidades que dá, pero sen ningunha ambición, para explicar o mundo dos cogomelos con detalle.

A xente de Terras de Ortegal ofreceume facer unha revista de 16 páxinas que ao final acabou sendo a guía, con 166 páxinas e máis de 100 cogomelos"

E supera xa os 6.000 seguidores.

Non teño nin idea de como cheguei a eles e non é o que buscaba, pero é bonito ver que á xente lle interesa o que fas. Sempre hai algunha crítica, pero en xeral todo o mundo me agradece o tema da canle, fan consultas que trato de responder na medida do posible e tamén me xorden oportunidades, coma agora nos Oscos, en Asturias, que me fixo ilusión e foi unha experiencia moi bonita.

Como está a ser a tempada?

Rara, e levan uns anos así, porque non chove cando tiña que chover e os cogomelos non eclosionan con normalidade. Se hoxe chove, non saen mañá, tardan doce días, pero nas condicións apropiadas. Os fungos son maniáticos, necesitan condicións específicas, calor e humidade. E agora deberían empezar a vir as especies do frío.

Non atopei trufas porque aquí non se dan, pero non descarto ir a onde as hai; é un obxectivo de futuro, saír e ver hábitats e especies doutros lugares"

Como se collen os cogomelos?

Esta é unha pregunta que me fastidia. Durante moitos anos cortáronse e agora parece ser que hai que arrincalos. Entendo que se arrinque para estudalo, pero non o comparto para levalo para a casa, véxoo contraproducente. Porén, a normativa é a que é e hai que cumprila. 

Ten un cogomelo preferido?

Boa pregunta. A Amanita caesarea, coa que soñamos case todos porque non é fácil de atopar. Eu atopeina na nosa zona e fixen un vídeo para Youtube onde explico as súas características. 

Nos meus inicios facía xusto o primeiro que lle digo á xente que non faga, porque é perigosísimo, recollía, levaba para a casa e cociñaba"

E algún que se lle resista?

Non atopei trufas porque aquí non se dan, pero non descarto visitar a zona delas. Ese é un obxectivo que teño de cara ao futuro, saír a outros lugares e ver que hábitats e que especies hai.

Cal foi a maior toleada que fixo pola micoloxía?

Os meus inicios, que é xusto o primeiro que lle digo á xente que non faga, porque é unha barbaridade. Tocaba nunha orquestra e despois da vermú, mentres os compañeiros ían durmir, eu saía coa miña guía de Everest que mercara en Alcampo e ía vendo especies, recollía, levaba para a casa e cociñaba. Nunca se debe facer algo así, e eu tiven sorte, que só me intoxiquei dúas veces cuns champiñóns comestibles, pero é unha práctica perigosísima, xogas coa vida. Por exemplo, a Amanita phalloides desfai o fígado en 15 días e provoca unha morte moi dolorosa con só 30 gramos.