Crecemento dende a raíz ata o pétalo

O negocio guitiricense Abelleira ofrece decoracións e adornos en flor natural e agora tamén con seca
Francisca Espiñeira, con algunha das súas creacións. C.P.R.
photo_camera Francisca Espiñeira, con algunha das súas creacións. C.P.R.

Agrocomercial Abelleira era un negocio guitiricense, instalado na Rúa Boa Veciña, que se adicaba á venda de sementes, plantas ornamentais, ferramentas, abonos ou sulfatos, sen outra orientación en ningún dos produtos que comercializaban.

Porén, en 2017 Francisca Espiñeira, unha das impulsoras do negocio, comezou a interesarse polo mundo das flores, a ir a cursos e a formarse na materia, para, de seguido, comezar a probar ela mesma a facer traballos con flor natural.

Así, en 2017 Abelleira comezaba a ter tamén produtos en flor natural como centros ou ramos. A motivación de Francisca para comezar neste mundo? Pois non o ten moi claro, pero cre que unha das razóns pode estar na propia tenda.

"Estivo con nós unha rapaza que traballaba con flor natural e ao manipulala e poder sentila seguramente foi tamén un detonante, xa que é moi distinto ver as flores a estar en contacto con elas e sentir esa alegría", apunta Francisca, analizando o gran sentimento de ledicia que lle evoca este traballo no que pode crear e desatar toda a súa creatividade.

E é que ademais da flor natural, tamén comezou a traballar con flor seca, o que lle ofreceu "un maior abanico de posibilidades, xa que son moito máis versátiles debido á súa duración e ás súas características, que as fan máis resistentes.

Así, os ramos e os centros deixaron paso tamén "a marcos de fotos, cúpulas, capazos e cousas da casa como leiteiras, que pasan de estorbar ou estar agochadas a ser parte da decoración", apunta.

Este cambio progresivo deuse a base de esforzo e sobre todo de moitas ganas, as de Francisca Espiñeira, por seguir obtendo coñecementos e formándose nun labor que lle gusta e co que se sente ben. "A xente que me coñece di que son un cu inquedo, e sempre teño que estar facendo ou argallando algo novo, como formación ou colaboracións", apunta.

Isto tamén implica que dende Agrocultura Abelleira, como se chaman agora, sempre vaian estar pensando en novos traballos florais e en novos retos para seguir ampliando o seu abano.

O desafío máis grande ao que se enfrontou de momento a habilidade floral de Francisca foi, como ela mesma confesa, "un pequeno evento nunha capela do concello, algo moi sinxelo, cun resultado que agradou e contentou moito, e de feito o decorado perdurou tempo dentro do edificio", indica, aclarando que normalmente non fan eventos, xa que "requiren un equipo detrás e moitísmo traballo".

Todos os encargos son personalizados e adaptados á persoa, unha cousa da que se responsabiliza Francisca preguntando detalles sobre a persoa ou a ocasión para a que é, as cores favoritas e mesmo trazos característicos como gustos e personalidade "para así poder ter unha visión concreta e saber elixir ben a paleta de cores e a forma que darlle", tentando "evocar sentimentos".

En canto á demanda e á acollida dos veciños, foi todo de menos a máis. Ao principio a xente "sorprendíase", pero agora funciona "moi ben", apunta a artífice.

Ademais de traballar con flor, Francisca tamén imparte, dende hai dous anos, obradoiros en épocas concretas para a xente que estea interesada en aprender este labor e facer as súas propias pezas.

"Fago talleres de coroas de Nadal e teño en mente facer en outono un de elaboración de ramos", explica Francisca, moi implicada co seu proxecto.

Comentarios