O recuncho de Manuel Vázquez Ares

A Cova da Serpe: a becha sabía de vistas

O lendario lugar, linde entre A Coruña e Lugo, eríxese como unha atalaia natural para contemplar un amplo territorio 
Miradoiro da Cova da Serpe. C.PÉREZ
photo_camera Miradoiro da Cova da Serpe. C.PÉREZ
Localización
Situada a 841 metros de altitude, é o punto máis elevado do cordal homónimo, que serve de fronteira natural entre as provincias de Lugo e da Coruña. Na Cova da Serpe conflúen os concellos lugueses de Guitiriz e de Friol e o coruñés de Sobrado dos Monxes. Ata ela chégase por pistas dende os tres municipios. 
Historia
No século X xa se fala da Cova da Serpente, un dos fitos que marcaba a doazón inicial ao mosteiro de Sobrado. E no XIX, cando elaboraba a ‘Carta Geométrica de Galicia’, Domingo Fontán visitouna tres veces (1822, 1828 e 1830). Na última, grazas ao bo tempo e aos seus aparellos, puido ver a Torre de Hércules, situada a uns 70 quilómetros.
Curiosidades
A só uns metros da cova, nas Negradas, atópase a Casa da Neve, unha antiga neveira soterrada uns 2,5 metros e cerrada en pedra, que se usaba para almacenar, conservar e distribuír neve endurecida.
 

Vista dende o interior da Cova da Serpe. C.PÉREZ
Vista dende o interior da Cova da Serpe. C.PÉREZ

Manuel Vázquez Ares non naceu nas Negradas, pero é un veciño máis dende os anos 80 e súa é hoxe a responsabilidade de presidir a comunidade de montes desta parroquia guitiricense, en cuxo monte comunal se atopa un dos enclaves máis populares, tradicionais e lendarios, a Cova da Serpe.

A localización deste monumento natural é unha desas cuestións de lindes tan propias de Galicia, mais o acordo popular di que na zona da cova conflúen non só a parroquia friolesa de Anafreita e a guitiricense das Negradas, senón tamén que por aí queda a fronteira con Sobrado, xa na Coruña.

Cova da Serpe. C.PÉREZ
Cova da Serpe. C.PÉREZ

"Dise que alí ao lado, en Pena Raiola, se xuntaron tres bispos, o de Santiago, o de Mondoñedo e o de Lugo, e que cada un comeu no seu", conta Manolo sobre un contorno que foi acondicionado hai uns anos grazas á unión dos veciños lugueses dun e doutro lado do marco. Daquela mellorouse a zona da cova, onde se creou o miradoiro, retirando parte do recheo co que se cubrira o contorno anos antes para evitar que se precipitasen as mulas. En Anafreita, habilitouse unha área para merendas

Vista dende as inmediacións da Cova da Serpe. C.PÉREZ
Vista dende as inmediacións da Cova da Serpe. C.PÉREZ

"Ata ela vai moita xente, sobre todo no verán", destaca Manolo sobre este particular punto de peregrinación para amantes do sendeirismo ou do ciclismo que ofrece unhas vistas privilexiadas. "Nun día claro, vese moito dos arredores e chegas a ver Muras ou As Pontes perfectamente", destaca.

E dende aí, vixiaba o territorio esa gran serpe rodeada de lendas que dá nome á cova e que, de vivir hoxe, se cadra sorprenderíase ao ver repetidores, antenas e viraventos inzando os seus dominios.

Miradoiro, no alto da Cova da Serpe. C.PÉREZ
Miradoiro, no alto da Cova da Serpe. C.PÉREZ

Un daqueles vellos contos de lareira aborda a historia de amor imposible dunha parella de namorados —ela, unha dama, el, un aldeán— que fuxiron xuntos e se refuxiaron na cova, onde o mozo acabaría por matar a serpe. 

Casa da Neve, pretiña da Cova da Serpe. C.PÉREZ
Casa da Neve, pretiña da Cova da Serpe. C.PÉREZ

Outro fala de que os veciños encheron un burro de alcatrán para que a serpe o comese e morrese. Seica estaban cansos de aturar as falcatruadas da becha, tan grande que cando baixaba comerlles o gando ou beber a certos lugares —un deles é Rioseco, de aí o nome, outro Miraz, a oito quilómetros—, a cola seguía dentro na cova.

Interior da Cova da Serpe. C.PÉREZ
Interior da Cova da Serpe. C.PÉREZ

E é que sempre será un misterio como facía para habitar un espazo cuns doce metros de longo por uns cinco de ancho, cunha boca de dous metros. E como nada se sabe, quizais a serpe aínda ande por aí, agardando o momento oportuno para volver asomarse. 

Vistas dende a Cova da Serpe. C.PÉREZ
Vistas dende a Cova da Serpe. C.PÉREZ

Comentarios