As cousas do cole, tamén a debate

O Ceip Veleiro Docampo, en Castro de Ribeiras de Lea, estreou o Parlamento Veleiriña ► Trece alumnos representan cadansúa aula, expoñen as súas suxerencias e fan votacións
Un momento da sesión no Parlamento Veleiriña no Ceip de Castro de Ribeiras de Lea. S. IGLESIA
photo_camera Un momento da sesión no Parlamento Veleiriña no Ceip de Castro de Ribeiras de Lea. S. IGLESIA

A segunda sesión plenaria comezaba cos choros dun pequeno deputado que non entendía moi ben que facía alí . Malia todo, o desacougo axiña marchou cando lle veu á memoria a súa verdadeira función naquel lugar. A biblioteca do Ceip Veleiro Docampo, de Castro de Ribeiras de Lea, conservando aínda o recendo a novo, daba a benvida a 13 minipolíticos dispostos a debatir as cousas que pasan no cole ou as que aínda non pasan, pero poden pasar.

O Parlamento Veleiriña, moderado pola coordinadora da biblioteca, Marián Fouce, acollía aos representantes de cada aula, dende infantil ata 6º de primaria, e as súas respectivas suxerencias e votacións acordadas previamente con tódolos compañeiros da clase.

Alejandra, Martín, Martiño, Roberto, Lucas, Uxía, Claudia, Uxue, Iria, Yago, Simón, Isabela e Carla arrancaban a última reunión decidindo sobre o banco da amizade que se instalará no patio do recreo. "Na miña clase votaron a favor, porque con el poderíase coñecer xente que aínda non se coñece", apuntaba Roberto, de 6º B, mentres que outra voz engadía que "tamén vale se alguén está canso". "Non é o banco do cansazo", respondía a moderadora. O primeiro punto do día finalizaba cunha aplastante maioría a favor da denominación Banco da amizade fronte a unha minoría que apostaba por Banco do poder.

O seguinte apartado versaba sobre os xogos no recreo e os 13 avogaron por dividir o pavillón para albergar máis modalidades, "porque neste colexio hai demasiado fútbol", apuntaba Roberto de 6º B; pintar o tres en raia e a mariola; "e poñer un merendeiro e unha papeleira", concluía Lucas, en nome dos de infantil.

Na primeira sesión acordouse a creación do 'Banco da amizade' e a división do pavillón para albergar máis xogos

Neste Parlamento Veleiriña, que naceu co propósito de que os alumnos "coñezan a democracia e expoñan as súas ideas dende o respecto aos demais e a tolerancia", explicaba Marián Fouce, os seus membros traballarán "sobre a reciclaxe e a redución de plásticos".

O obxectivo calou nos participantes e Iria, de 6ºA, propoñía a sustitución das botellas e dos pratos de plástico no comedor e a saída a algún espazo para recoller lixo, mentres que Martín, de 2º, optaba pola creación de patrullas de ecovixiantes, encargadas de velar pola limpeza das aulas, a reciclaxe e o aforro de enerxía. A maiores, barállase a posibilidade de crear unha horta escolar, reducindo a superficie asfaltada do patio e "impulsando un cambio de mentalidade", ao tempo que un cambio estético, comentaba a coordinadora da biblioteca.

A quenda de rogos e preguntas serviu para poñer enriba da mesa, aínda que sen moito éxito, "30 minutos máis de recreo". Tamén clases de informática ou a posibilidade de que os alumnos de Ciencias Naturais coidasen dunha mascota. "Unha lagartixa non, que nos pode meter algún susto", censuraba Martiño, de 3º A, e outros presentes engadían que "os animais criados en liberdade non deben ser tratados como mascotas en cautividade".

Así as cousas, para a seguinte sesión —os últimos venres do mes— deberán levar decidido sobre as medidas a adoptar para baixar o ruído no comedor e que libro desexan incluír en cadansúa clase. Visto o visto, seguro que darán con algún acordo porque falando chégase a calquera lado.

Comentarios