domingo. 22.09.2019 |
El tiempo
domingo. 22.09.2019
El tiempo

Cousas de castrexos, os testemuños que quedan de toda unha vida

Unha imaxe de arquivo do Castro de Viladonga. AEP
Unha imaxe de arquivo do Castro de Viladonga. AEP

Baixo a terra de Viladonga aínda quedan moitas sorpresas e tesouros. Mentres tanto, calquera pode empaparse da historia dos antepasados a través dos vestixios que aínda se conservan no museo do castro, algúns comúns e outros únicos, pero todos co mesmo valor documental incalculable

DISE POR AÍ que quen garda sempre ten e, nesas cousas, os museos parecen ter capacidade de almacenamento infinita. Se non fora por eles, a vida dos antepasados quedaría para sempre agochada baixo mantos de terra.

Pezas comúns, algunhas que todos recoñecen, outras que cambiaron a súa aparencia ao longo dos anos ata ser irrecoñecibles e moitas outras únicas. Aínda que como di Elena Varela, directora do Museo do Castro de Viladonga, "para nós todas as pezas son importantes pola cantidade de información que nos dán".

Este museo, inaugurado en 1986, garda inxentes cantidades de obxectos que documentan o pasado castrexo e galaico-romano de Viladonga, pero tamén doutros lugares, xa que dende o ano 2006 faise cargo dos vestixios de toda a provincia lucense, "excepto se no propio municipio existe unha entidade museística", matiza a actual directora do centro.

Un anaco da historia do castro de Viladonga está no Museo Arqueolóxico Nacional, onde repousa na súa colección permanente unha das grandes olas

Do asentamento que un día houbo en Viladonga queda, sobre todo, a cerámica. Este material pode ser de tres tipos: común romana, "terra sigillata" e castrexa. Desta última categoría é a ola de seis asas, unha das imaxes máis representativas do museo. E un anaco da historia do castro de Viladonga está no Museo Arqueolóxico Nacional, onde repousa na súa colección permanente unha das grandes olas, moi semellante á que loce nunha das vitrinas do museo chairego.

Os muíños tamén abundan entre as ruínas. "Aparece un en cada casa", di Elena Varela, e engade que "ten sentido porque a súa alimentación era a base de cereais".

Estes son os achados máis numerosos, pero á hora de engaiolar aos visitantes gañan os aneis de ouro, a arracada –para os non expertos en cultura castrexa, trátase dun pendente en forma de aro do que colga unha pequena cadea–, as pulseiras e as doas –boliñas– dos colares e demais abalorios.

Da vestimenta dos antepasados quedan as fíbulas –unha das expostas conserva un anaco de coiro do cinto–, as fibelas ou os apliques, que dan boa conta da posición social do seu dono. Nun lugar no que polo momento non se descubriron inscricións, calquera pequeno obxecto é posuidor de información histórica.

Neste eido as moedas son unha enciclopedia aberta grazas, por exemplo, á imaxe gravada do emperador de turno e o seu "look", ademais da data que aparece nalgún denario –moeda de prata que equivalía a dez ases–. E aínda que se poida pensar no seu incalculable valor económico, nada máis lonxe da realidade, xa que como ben explica Varela, "todo o valor que teñen é documental".

A última incorporación ao tesouro museístico de Viladonga é unha fouce de ferro que se extraeu o pasado ano, con motivo da ampliación de terreo escavado e a consolidación da croa. Así, pasa a formar parte dunha colección da que "tan só se expón o 2% do total", explican dende a entidade. E aínda que a maioría sexan obxectos cotiáns por tratarse dun asentamento rural –tégula que se empregaba no tellado dos fogares traída polos romanos, puñais, sítulas ou pés de caldeiro, un compás, tesoiras...­–, a proximidade de Lucus Augusti deixou pegadas en forma de artigos de certo luxo.

Un anaco de vidro examinado polo experto neste material, Mario da Cruz, determinou que se trataba dun diatetrón, unha copa de decoración excepcional. A isto súmanse dous torques de ouro –un deles no museo provincial– e un par de motivos decorativos dos freos dos cabalos, cuxa representación son dous felinos enfrontados.

Quedan aínda moitas cousas por atopar, pero non hai moita présa xa que "algo terá que quedar para as futuras xeracións", di Elena Varela. A misión encomendada será atopar a necrópole do castro, porque "eles vivían, pero tamén morrían".

Cousas de castrexos, os testemuños que quedan de toda unha vida
Comentarios