Cospeito rende "homenaxe á palabra" cos premios Torre de Caldaloba

Os catro galardoados agradeceron o "agarimo" recibido polas súas obras e o feito de que se fomente a creación poética
photo_camera Representantes da organización, do xurado e galardoados, na entrega de premios do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba. C.PÉREZ

"Hoxe rendémoslle homenaxe á palabra", aseguraba o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, na intervención que clausurou, no local social de Pino, a entrega de premios do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba.

O rexedor recollía así o sentir de todos os presentes nun acto celebrado en "tempos difíciles", como dixo a presidenta da asociación veciñal de Pino, Inés Lozano, e que non escapou aos efectos da pandemia, pois o aforo tivo que reducirse, pero demostrou, como destacaba Armando Requeixo, un dos membros do xurado, que Galicia "non só ten presente literario, senón tamén futuro, a transmisión está asegurada".

Proba disto son os catro poemarios gañadores nas dúas categorías do certame. Na de menores de 18 anos impoñíase Paula Domínguez, quen non puido asistir pero remitiu un vídeo onde recitaba Outubro en dous actos, e agradecía a iniciativa, desexando «visitar a zona cando as circuntancias sexan máis favorables».

Si acudiu Marina Montenegro, merecedora do segundo premio por Derradeiro adeus, que tivo palabras para a súa familia e a súa profesora de lingua, Ana, quen tamén lle mandou unhas palabras para desexarlle que este galardón sexa só "un punto de partida".

Abraham Pérez, cuxa Unha teoría para os espectros lle reportaba o segundo premio en adultos, salientou a importancia dunha iniciativa que conxuga a posta en valor do material, como é a Torre de Caldaloba, "un símbolo que hai que coidar", coma o inmaterial, ao potenciar "ao creación poética".

Pola súa banda, Patricia Torrado Queiruga, gañadora do certame con Herdar a fala, agradeceu "o mimo e o agarimo" recibido pola súa obra, un poemario que estaba "nun caixón", e tamén o traballo a prol de "dignificar a fala, a palabra".

Preto de 40 orixinais
O rexedor de Cospeito salientou o "traballo e o esforzo" do xurado á hora de elixir os gañadores entre as preto de 40 obras presentadas, mentres
que Armando Requeixo quixo destacar que o labor fora "intenso, pero gratísimo", por ter o "privilexio de ler en primicia estas obras". "É un luxo", ratificou en nome de todos.
Xurado e organización
Estivo formado por Ana Mar Fraga, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez e Xosé Otero Canto, con Martiño Maseda como secretario. A organización corre a cargo da asociación veciñal de Pino, Culturalia GZ e o Concello de Cospeito, que xa avanzaron que haberá unha cuarta edición.
Publicación
Alvarellos Editora publicará as dúas obras premiadas nesta terceira edición, tal e como xa fixo nas dúas anteriores.
1.500 euros
É a recompensa en metálico que recibe a obra gañadora na categoría de adultos. Os dous galardoados tamén levaron un diploma e una lámina de
Adolfina Mesa. Na modalidade de menores de 18 anos os premios son un lote de libros e unha tablet ou un libro electrónico.

 

Comentarios