Feira do Porco de Ceba

Cospeito enxalza o porco da ceba

A Feira do Monte acolleu a XXXI edición deste evento que honra un dos animais que non falta nas casas chairegas, nunha xornada na que o mal tempo condicionou a asistencia á cita
Arriba, foto de familia de premiados e autoridades. Abaixo, asistentes á feira e degustación de produtos do porco. S. IGLESIA
photo_camera Arriba, foto de familia de premiados e autoridades. Abaixo, asistentes á feira e degustación de produtos do porco. S. IGLESIA

Unha das citas que abre as portas ao Nadal chairego, a Feira do Porco da Ceba de Cospeito, celebrou este sábado a súa trixésimo primeira edición nunha xornada na que o mal tempo condicionou a asistencia, mais non lle quitou atractivo a unha das celebracións máis tradicionais da volta.

Unha trintena de exemplares porcinos, dende os seis meses ata os tres anos, foron postos á venda por criadores chegados de varios puntos da provincia, dende Vilalba ou Begonte ata Taboada ou Sarria. Moitos dos presentes recoñecían que as vendas foron inferiores ás doutros anos e facían referencia a unha "feira boísima, na que ten habido uns 130 porcos", comentaba Salvador Folgueira, de Bazar. Con todo, a maioría recalcaba o valor desta cita que non perde a súa esencia nin a calidade dos animais participantes.

Degustación. S. IGLESIA

Así, o premio ao mellor exemplar recaía no de José Manuel Pico, de Árbol (Vilalba), que recibiu 180 euros. Estivo seguido do animal de Carlos Paredes, de Xermar (Cospeito), que levou un galardón de 150 euros e completaba o podio o porco traído por José Teijeiro, de Triabá (Castro de Rei), que se fixo con 120 euros, mentres que o cuarto clasificado era o de Carmen Fernández, de Begonte, quen foi agasallada con 90 euros. Ademais, Benigno López, Lourdes Otero, Perfecto Rois, Félix Vázquez, Javier Verdes e Mónica Alvariño facíanse con 40 euros de recompensa cada un.

O edil Daniel Paz agradecía, en nome do Concello, a colaboración dos bares da Feira do Monte e Xermar, ademais de Piensos Biona, Zoogando, Piensos Pascual, Ogalco e Facenda Farruquiño por doar os galardóns e a parella de ranchos que foi sorteada —tamén se fixo entrega dunha cesta de Nadal—.

A xornada completouse coa música de Cerna de Árbol, enfrontamentos dos equipos de fútbol das escolas deportivas municipais e os stands de degustación de produtos típicos do porco, ademais dunha filloeira e unha artesá chegada dende Asturias. E para pechar, as corais de Pontedeume, de Taboada e de Cospeito puxeron o ritmo ao Festival Música do Mundo.

Comentarios