Corredores de Sombra: mestura de quereres

Recitado, cantares e instrumentación flúen da man dun grupo "ecléctico" que ten como obxectivo "pasalo ben". Mañá venres estará no San Xoán Vilalbés e o vindeiro venres, no II Festival de Poesía Guitirica
Corredores de Sombra. C.PÉREZ
photo_camera Corredores de Sombra. C.PÉREZ

Un libro de Agustín Fernández Paz e o acto de entrega en Vilalba do segundo premio co seu nome, alá por 2019, abondaron para facer xermolar un proxecto poético-musical que ía ser unha ‘performance’ efémera e acabou por ter vocación de continuidade.

"Agustín engloba todo: memoria, simboloxía... era un grande amante da poesía, está presente en toda a súa obra e por iso era o nome idóneo", din dende Corredores de Sombra, que tras tres anos de bagaxe, aínda que os dous últimos minguados pola pandemia, están desexando volver aos escenarios. E non só por retomar ese vínculo intanxible co público, senón tamén por presentar as novas integrantes, Luz Airado e Antía Naveiras, que se unen aos fundadores Baruk Domínguez, Pilar Maseda e Rosana Domínguez.

O día de San Xoán, na Praza de San Xoán, na celebración do San Xoán organizada pola Asociación Cultural de Veciños do Campo de San Xoán, Corredores de Sombra ofrecerá un concerto ás 18.30 horas no que este "ecléctico", "heteroxéneo" e interxeracional grupo retomará parte do seu repertorio, composto por unha vintena de temas, entre eles o poema de Luz Ando na procura, convertido a ritmo de rumba en Son anduriña

Antía Naveiras e Luz Ariado acaban de incorporarse ao grupo, fundado en 2019 co gallo da entrega do premio Agustín Fernández Paz

"Con el imos poñer todo o mundo a bailar no San Xoán", aseguran, mentres dan conta de que esa fusión dun xénero musical cubano cuns versos en galego, lonxe de ser unha excepción, é un sinal de identidade.

"Somos un grupo de mesturas, multidisciplinar", din. Blues, rock, cambios rítmicos, fragmentos recitados e cantados... todo vale na particular concepción artística de Corredores, sempre que supere a fase de creación e de debate pola que todas as pezas pasan. "Aportámonos cousas uns aos outros, é unha aprendizaxe, e ao aprender tamén desaprendes, vas deixando cousas", di Pilar, lembrando o que supuxo a chegada da pandemia. 

"Freounos e quitounos eses momentos de distensión, cando nos xuntabamos e había choiva de ideas para poñer a funcionar a maquinaria", indica Pilar sobre unha rutina que confían en recuperar. E a partir de aí, o que xurda. Porque teñen claro que se pode partir de textos de Xela Arias, de Luz Pozo Garza... da recoñecible melodía de Camariñas ou mesmo viaxar aos Estados Unidos dos 60 para reinterpretar o clásico The House Of The Rising Sun para chegar... a onde haxa que chegar. Nin eles o saben, e iso é o bonito dun proceso que confían en que tamén os leve a crear máis temas propios.

O seu repertorio, composto por unha vintena de pezas, é heroxéneo, cunha fusión de estilos e de ritmos, con poemas musicados, versións ou temas propios 

"Hai moitas fórmulas para facer cancións, pode haber un poema feito, sexa convencional ou libre, ao que lle buscas como musicalo, cunha fórmula máis harmónica ou clásica total, ou pode ser ao revés, tes unha idea musical e buscas un texto que encaixe", resume Baruk, guitarrista, voz e principal responsable dos arranxos.

"Eu son a lectora de poesía", di Pilar sobre unha escolla non sempre doada. E fala tamén do resto das integrantes. Refírese así á voz "única" de Rosana. Cantante e violinista, ela confésase "tímida" e recoñece que formar parte do grupo lle axudou a "perder medo escénico", a ser "flexible" e a sentirse "máis segura co instrumento", porque tocar o violín en público infundíalle "respecto". 

Alude Pilar tamén á "dozura" ao recitar de Luz ou ás moitas capacidades de Antía, "unha muller polifacética, que é música e nos vai achegar sentido común e alegría". E foi ela, Pilar, a encargada de dar o paso para convidalas a entrar nun proxecto "aberto, onde todo o mundo ten cabida", co que tamén colaboran Carmen Mato, Moncho Bouzas ou Pablo del Valle.

A presentación do poemario de Luz, Instintos, no que a acompañaron Baruk e Pablo, e un recitado con Pilar, xunto á banda, no concerto a prol de Ucraína, foron os puntos de inflexión para a súa incorporación a un grupo do que xa era "a seguidora número un". 

O obxectivo principal é pasalo ben sobre o escenario e que a xente goce co seu espectáculo poético-musical

"Cando Pilar mo propuxo dixen, imos intentalo", conta. A súa idea é "recitar só", pero, a medida que a conversa avanza, xa non descarta probar con algún instrumento de percusión, ademais de sentirse especialmente atraída por coñecer os pormenores dese proceso creativo que leva a converter unha idea nun espectáculo.

A mesma disposición que teñen unha "nerviosa" Antía Naveiras e o seu saxo tenor. "Foi todo por unha chamada telefónica de Pilar e que eu non son difícil de convencer», di, avanzando que subir a un escenario, sen ser coa banda, será unha nova experiencia «enriquecedora", da que ademais espera aprender "a recitar".

Do obxectivo común non hai dúbida: "Imos a pasalo ben". "E a intentar que o pasen ben con nós". "Se o pasamos nós ben, pásano eles ben". "Vai ser unha experiencia fantástica". "Por suposto". Eles son Corredores de Sombra, e nun suspiro haberá unha nova oportunidade para velos. O día 1 estarán ás 20.30 na Casa Habanera de Guitiriz, no II Fetival de Poesía Guitirica.

Comentarios